O Campus de Pontevedra introduce a estudantes no uso didáctico de xoguetes interactivos

martes, 27 de xuño do 2017 Redacción

Achegar á mocidade ao uso didáctico de brinquedos interactivos e do encerado dixital. Este é o obxectivo do curso de extensión universitaria Como ensinar ciencias con xoguetes interactivos, recursos en liña e encerado dixital que se está a desenvolver no Campus de Pontevedra e no que participan 29 alumnas e alumnos. A actividade, que integra no seu día a día o emprego de robots educativos ou códigos QR cos que acceder a actividades dixitais, está dirixida polos profesores María Álvarez Lires e Francisco Serrallé e conta co traballo dos investigadores Xabier Álvarez Lires e María Lorenzo. Trátase da cuarta edición dun obradoiro inserido no programa de cursos de verán da Vicerreitoría do Campus. En palabras da profesora Álvarez Lires, “trátase de que o futuro profesorado se achegue á experiencia cotiá do seu alumnado, que se move nunha contorna dixital desde a primeira nenez”.
Ao igual ca en edicións anteriores, as e os asistentes ao curso son maioritariamente alumnado dos graos en Educación Infantil e Educación Primaria. A través da actividade inícianse en cousas como manexo do encerado dixital para a creación de recursos didácticos ou na programación de xoguetes interactivos como os set de Lego We-Do e Lego e-Lab.
En termos máis concretos, as/os estudantes traballaron en grupos na creación dun porto, dunha cidade, dunha aldea ou tanto dunha praia con bandeira azul como doutra afectada pola contaminación. “Deste xeito, ligamos os diferentes recursos a unha maqueta e dámoslles sentido, aproximámoos a unha realidade que poida ser próxima ao alumnado”, engaden os profesores Xabier Álvarez Lires e María Lorenzo acerca dun proceso que, por unha banda, levou a estes grupos a integrar os xoguetes interactivos na maqueta, convertidos nunha grúa capaz de subir os barcos polas ramplas do porto ou nas galiñas de aldea, e por outra banda, a desenvolver a través do encerado dixital gifs animados e actividades didácticas propia relacionadas coa temática da súa maqueta, á que se vencellan a través de códigos QR, xunto con outra serie de recursos como vídeos. Un conxunto de materiais que cada grupo terá que presentar na última sesión, o vindeiro xoves.

PUBLICIDADE