Un proxecto anti-contaminación e outro centrado na Internet das Cousas, distinguidos os Premios EMALCSA-UDC

luns, 31 de xullo do 2023 S. P.

O Concello da Coruña e EMALCSA entregaron a semana pasada os Premios Cátedra EMALCSA-UDC, unha iniciativa que naceu co obxectivo de promover a investigación e a transferencia de coñecementos tecnolóxicos e transformadores no eido dos sistemas de auga urbana, con vistas ao desenvolvemento dunha estratexia para a xestión sustentábel da auga.
Na terceira edición dos galardóns, dirixidos a alumnos ou titulados de mestrado que presentasen o seu Traballo de Fin de Mestrado (TFM) en titulacións da Universidade da Coruña no curso académico 2021/22, premiouse a Castor Eduardo Maduro-Malpica polo seu proxecto Desenvolvemento e ensaios de campo dun mostrador pasivo de membrana metálica para a determinación de contaminantes orgánicos en augas superficiais e residuais. Ademais, Carlos Leira Castro foi recoñecido cun accésit polo seu traballo Integración de sensores con distintas tecnoloxías de comunicación loT para a maqueta Medusa.
Na súa intervención, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, lembrou a importancia de "coidar os nosos recursos cunha perspectiva de futuro" e apuntou especificamente á cuestión da xestión sustentábel da auga: "Neste aspecto, en termos de aforro ou eficiencia, podemos facer moito xa desde as nosas casas, tamén desde o tecido municipal e, por suposto, desde o conxunto do Estado, cunha estratexia de país, porque isto esixe da implicación de todas e todos".
Neste sentido, a rexedora recalcou que "o Goberno municipal é consciente do importantes que son a natureza e a auga para facer fronte ás consecuencias do cambio climático", e loou o traballo de investigación que se promove desde a UDC, co apoio de EMALCSA, promovendo iniciativas que garanten avances fronte ás fugas de augas, a microcontaminación e o tratamento de augas residuais.
No acto de entrega de premios, que tivo lugar hoxe na sede do Reitorado da Universidade da Coruña, na Mestranza, a alcaldesa estivo acompañada por Jaime Castiñeira de la Torre, director xeral de Emalcsa, Salvador Naya Fernández, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, e por Moisés Canle López, director da Cátedra EMALCSA-UDC.
Os proxectos recoñecidos
Como dixemos entregouse un recoñecemento a Cástor Eduardo Maduro, estudante do Mestrado Universitario en Enxeñería da Auga, polo seu traballo Development and Field Testing of a Metal Membrane Passive Sampler for the Determination of Organic Contaminants in Surface and Wastewaters. O xurado coincidiu en que con esta investigación desenvolveu unha excelente análise dunha solución con potencial para realizar mostras pasivas de contaminantes orgánicos con vistas á protección das masas de auga.
Así mesmo, outorgouse un accésit ao estudante do Mestrado Universitario en Informática Industrial e Robótica, Carlos Leira Castro, polo seu traballo Integración de sensores con distintas tecnoloxías de comunicación IoT para a maqueta Medusa. O proxecto foi valorado positivamente polo xurado ao propoñer unha solución con capacidade para simular situacións que se poidan dar na rede de distribución de EMALCSA e detectar potenciais problemas.