Un proxecto baseado na cámara de Kinect faise co 1º premio de Galiciencia 2011
venres, 25 de novembro do 2011
O dispositivo iKinect, que permite controlar o ordenador cos
movementos do corpo sen necesidade de usar o rato e o teclado foi o gañador
absoluto da Galiciencia 2011, organizado por Tecnópole e que conta co apoio da
Consellería de Economía e Industria. Este
proxecto foi o vencedor na categoría de 2º ciclo da ESO e gañador absoluto
por impoñerse en puntuación aos dos outros dous equipos gañadores nas
categorías de 1º ciclo da ESO e Bacharelato. Martín Álvarez, Adrián González e
Luis Rodríguez, do IES O Couto (Ourense), adaptaron a cámara da videoconsola
Xbox 360 para que permitise unha interacción total do usuario cos controis de
calquera ordenador.
Coa clausura da Galiciencia
dáse por rematada a Semana da Ciencia en España, que tivo como actividade de
referencia a feira celebrada na Tecnópole por medio da FECYT, co financiadora
do evento coa Xunta de Galicia. Neste sentido, o director xeral de I+D+I da
Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, apuntou que “é unha gran satisfacción para a Xunta, que
leva apoiando a Galiciencia desde o principio e o seguirá facendo no futuro,
que o evento se convertese en referente da Semana da Ciencia en España”.
Capilla felicitou a todos os participantes polo entusiasmo que poñen nos seus
proxectos e animounos a seguir “movéndose
pola paixón en todo o que fagan no futuro”.
As gañadoras na
categoría de 1º ciclo ESO, Mariana Cabaleiro Lago e Claudia Gómez Pérez, do
Colexio Alborada de Vigo, estudaron os diferentes tipos de fentos que se poden
encontrar ao longo da ruta polo río da Fraga. O resultado final é un cartel cos
datos destes fentos situados nas distintas zonas, así como unha breve
descrición para que o camiñante poida ir identificando estas especies.
Na categoría de
Bacharelato resultou gañador o proxecto Zambuseta Laboratories, unha agrupación
que se dedica á construción e deseño de electrónica programable formada por
Carlos Almuíña Varela e Pablo Dobarro Peña, do IES Rosalía de Castro (Santiago
de Compostela). Este tipo de circuítos pódese atopar en case calquera aparato
doméstico, reloxos, lavadoras, aires acondicionados, termómetros, etc. Os
membros do grupo recrean estes obxectos e outros novos de maneira aberta para
que todo o mundo poida entender o seu funcionamento interno e adaptalos ás súas
necesidades. O proxecto conta con canal propio en YouTube.
Cada un dos membros
dos tres equipos gañadores levou un tablet portátil que no caso do primeiro
premio absoluto se completa co financiamento da viaxe á Exporeçerca, a feira
científica de ámbito estatal que se celebra en Cataluña.