Un proxecto da UDC estuda como mellorar a predición das inundacións a través da IA

luns, 11 de agosto do 2025 S. P.

A Universidade da Coruña puxo en marcha un proxecto de investigación que busca mellorar as previsións de precipitacións mediante o uso de algoritmos de aprendizaxe automático supervisado. Trátase de Mellora das previsións xeradas con modelos de base física mediante técnicas de Intelixencia Artificial, no que traballan investigadores do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA).
A investigación, financiada a través dos Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, terá unha duración de 3 anos e busca que os Sistemas de Alerta Temperá sexan máis fiables e eficientes. Estes sistemas, segundo explica a UDC, “resultan fundamentais para minimizar perdas humanas e económicas, ao anticipar a intensidade das precipitacións e o risco de asolagamentos”.
En concreto, a proposta céntrase en tres aspectos clave da hidroloxía. Por unha banda, analiza como mellorar os modelos meteorolóxicos actuais para a predición de precipitacións mediante algoritmos de aprendizaxe automática. Ademais, procura optimizar os modelos hidrolóxicos utilizados para calcular caudais e, finalmente, incrementar a fiabilidade dos modelos hidráulicos bidimensionais empregados na predición de inundacións urbanas mediante técnicas de modelado subrogado con IA.
O proxecto desenvólvese no Centro Tecnolóxico en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña baixo a coordinación de Luis Cea Gómez e Jerónimo Puertas Agudo como investigadores principais. O equipo de traballo complétano investigadores da propia universidade, como Esteban Sañudo, Carlos Montalvo e Juan Farfán (que tamén forma parte do Instituto Federal Suízo de Ciencia e Tecnoloxía Acuáticas), ademais de Ignacio Fraga, en representación do Instituto Español de Oceanografía.
Máis IA da man da UDC
Ademais deste proxecto, o grupo GEAMA está a desenvolver outra investigación financiada polo Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023, no marco dos Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, onde a IA volver gañar protagonismo.
Trátase da investigación Portos seguros e eficientes: xestión integral do risco operacional mediante monitorización, técnicas avanzadas e Machine Learning. Aplicación na Coruña, Ferrol e Malpica, liderada por Enrique Peña González e Juan R. Rabuñal Dopico. O proxecto propón un estudo integral para mellorar a seguridade e eficiencia portuaria usando Intelixencia Artificial e novas técnicas de análise, centrado en portos galegos como A Coruña, Ferrol e Malpica, con metodoloxías innovadoras aplicables a nivel nacional e internacional.