Un proxecto da USC para mellorar a xestión da I+D, premiado por GAIN

venres, 11 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O proxecto da USC XustiEcoWeb - Mellora dos procesos e fluxos administrativos vén de ser recoñecido na primeira edición dos Premios aos Empregados Públicos Innovadores, impulsados pola Consellería de Economía a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN). XustiEcoWeb foi impulsado polos traballadores da universidade compostelá (Servizo de Xestión de Actividades de I+D) José Ramón Basante, Arturo Clavero e Jacobo M. González.
O proxecto presentado, gañador na categoría de mellor actitude innovadora, constitúe unha mellora integral da xestión económica asociada ás actividades de investigación e abrangue dúas ferramentas básicas que son as que achegan innovación a determinados procedementos administrativos. A primeira delas é un portal web denominado KAIRóS que, segundo informan os seus creadores, “serve como punto de intercambio de información e documentación asociada aos procesos de xustificación mediante o cal o equipo de traballo logrou simplificalos en gran medida, reducindo o uso do papel e alixeirando a carga de correos electrónicos”.
Outra das innovacións introducidas é o uso das redes sociais para mellorar a interacción coa comunidade investigadora. Por medio da aplicación Yammer, que forma parte do paquete Office 365, creáronse diversos grupos de interese sobre temáticas concretas a fin de conseguir unha redución do uso do teléfono e do correo electrónico.
Os ditos galardóns conforman unha das actuacións específicas recollidas no Programa integral de impulso da Compra Pública de Innovación (Programa Innpulsa CPI), co que se busca consolidar Galicia como un referente neste instrumento que fomenta a innovación a través da contratación por parte das administracións de novas solucións e produtos.

PUBLICIDADE