Un proxecto da USC subliña a importancia da aplicación AlertCops para garantir a seguridade no Camiño

xoves, 19 de decembro do 2024 S. P.

Peregrinos no Camiño de Santiago nunha imaxe de Santi Alvite

A aplicación para móbiles AlertCops, aínda descoñecida por unha boa parte dos e das viaxeiras do camiño compostelán, ten un amplo potencial para garantir a seguridade das persoas que peregrinan polas rutas xacobeas. Esta é a conclusión do estudo do profesor José Sixto García da USC: A app AlertCops no Camiño de Santiago: a importancia de comunicar un Camiño seguro, que tivo a súa orixe nun proxecto de investigación financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, cuxa creación é o resultado da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
Segundo Sixto, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación compostelá, con este estudo quer diagnosticar o grao de coñecemento que teñen as persoas que peregrinan polas rutas xacobeas sobre a existencia de AlertCops. Esta ferramenta pública permite á cidadanía poñerse en contacto de maneira inmediata coa Policía ou a Garda Civil para alertar de calquera situación delituosa, e que ten unha funcionalidade específica para o Camiño de Santiago.
Nun proxecto de investigación anterior realizado pola profesora de Psicoloxía Mar Durán e financiado pola Cátedra en 2019 sobre a percepción de seguridade no Camiño, alertábase de que un 80% das persoas manifestaban que preferirían peregrinar acompañadas por outras. Neste senso, o estudo do profesor Sixto busca “contribuír á procura de antídotos contra a sensación de medo e vulnerabilidade” que expresaban as persoas preguntadas pola posibilidade de camiñar en solitario. Coa finalidade de comprobar o grao de coñecemento acerca da existencia de AlertCops e cuantificar o posíbel uso das súas funcionalidades na percepción de estar a realizar un Camiño seguro, no proxecto de José Sixto realizouse unha enquisa a 100 peregrinas e peregrinos e complementouse a interpretación dos datos cuantitativos obtidos con entrevistas cualitativas aos responsábeis administrativos da aplicación.
Como resultado do ensaio, o investigador sinala: “A hipótese de partida verifícase e diagnostícase, AlertCops é unha aplicación descoñecida para a maioría dos peregrinos”, pois na actualidade só a coñece un 14% e a porcentaxe de instalación é aínda menor, polo que na súa opinión, implementar accións de comunicación por parte das forzas de seguridade, e das entidades de promoción do Camiño e das que agrupan peregrinas e peregrinos contribuiría a “incrementar o índice de coñecemento da app” e melloraría a percepción de seguridade nas rutas xacobeas.