Un proxecto da UVigo avaliará os beneficios da realidade virtual a pacientes con párkinson

luns, 17 de xullo do 2023 S. P.

O grupo de investigación HealthyFit (UVigo) levou a cabo nos últimos meses un estudo dirixido a coñecer a viabilidade e os posíbeis beneficios dun programa de exercicio cun cicloergómetro intelixente para persoas con párkinson. No programa combínase a actividade física con tarefas de estimulación estimulación cognitiva e Realidade Virtual. O grupo está a ser coordinado polo catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela. O proxecto conta con financiamento do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS).
Ten como obxectivo concreto avaliar tanto a viabilidade e seguridade como as posíbeis melloras que podería xerar nas persoas con párkinson un programa baseado na combinación da Realidade Virtual inmersiva co pedaleo a alta intensidade nun cicloergómetro intelixente MotoMed.
Seleccionado na convocatoria intramural de axudas á investigación biomédica do IISGS, no proxecto Efecto do pedaleo a alta intensidade executado nunha contorna de Realidade Virtual inmersiva na enfermidade do párkinson (ReViPark) participan, xunto a Cancela, os investigadores do grupo HealthyFit Iria Cabo, Pablo Campo e Helena Vila. Así mesmo, conta tamén coa participación do investigador do grupo de Neurociencia Traslacional do IISGS Carlos Spuch e da tamén catedrática da facultade pontevedresa Margarita Pino, do grupo Gies-10, integrado tamén, ao igual que HealthyFit, no Instituto de Investigación Sanitaria.
A investigación combina o traballo cun modelo de MotoMed específico para Párkinson (que permite alcanzar as 90 revolucións por minuto) co uso de exergames, xogos baseados no movemento, nun Head-Mounted-Display, un dispositivo comercial de Realidade Virtual inmersiva. Partindo dunha selección realizada polo grupo daqueles xogos “que mellor se adaptan á patoloxía”, o proxecto baséase nun protocolo de actividade física no que “o cicloergómetro está conectado ás lentes de realidade virtual”, que sitúan os pacientes “nunha contorna de exercicio físico”. De feito, as e os participantes realizarán un traballo de actividade física mentres “pedalean polas rúas de París”, por un bosque ou por unha praia, nunha actividade que, coa idea de “que sexa o máis real posible”, fará que o cicloergómetro “ofreza unha maior resistencia” cando se atopen subindo unha costa nesta contorna virtual.
A hipótese do estudo é que “o uso de programas de exercicio físico de alta intensidade desenvolvidos en cicloergómetros e aplicados en contornas virtuais totalmente inmersivas teñen unha influencia máis efectiva na mellora da sintomatoloxía e na ralentización da progresión da enfermidade”, que aqueles que empregan unicamente este tipo de dispositivos para a realización de actividade física.
A investigación levarase a cabo, como explica Cancela, “con dous grupos, un experimental e outro de control”. Ambos realizarán ao longo de seis meses o mesmo programa de exercicio con MotoMed, no primeiro caso, combinándoo coa Realidade Virtual e no segundo sen esta. A investigación, como sinala o coordinador do grupo HealthyFit, lévase a cabo “coa colaboración das asociacións de párkinson da provincia”, nas súas sedes, e consistirá en sesións de traballo de 25 minutos, nas que os pacientes manterán unha cadencia de pedaleo de entre 80 e 90 revolucións por minuto.
Está previsto que neste estudo participen 44 pacientes de párkinson, nun estadio “pouco evolucionado” da patoloxía, que se someterán ao inicio e o remate do programa a unha serie de avaliacións dirixidas a coñecer unha serie de “aspectos funcionais e de calidade de vida”.

PUBLICIDADE