Un proxecto de Kickstarter mellora a ergonomía do mando da Nintendo 64

xoves, 10 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Parece que nos últimos meses o público toleou coa febre retro ao redor da marca Nintendo, e aproveitando o fenómeno chegou a Kickstarter o Next Gen N64 Nintendo 64 Controller, ou sexa, un mando compatible coa clásica consola Nintendo 64 que abandona o seu peculiar deseño con tres saíntes e adopta un deseño moito máis ergonómico, lembrando ao mando da Xbox 360.
Este novo mando non só coloca finalmente o stick analóxico nunha posición cómoda, senón que tamén incrementa lixeiramente o tamaño dos botóns C para que sexan máis cómodos (o que agradécese especialmente para xogos nos que se fai un uso intensivo dos mesmos) e engadíronse un par de botóns Z (para que o botón Z estea accesible tanto coa man dereita como coa esquerda).
Temos así unha atractiva alternativa ao mando da Nintendo 64, que sorprendeu por ter un prezo de só 20 dólares (34 euros cos gastos de envío incluídos) o que fixo que en poucas horas non só superase a meta fixada polos promotores da campaña de micromecenado para facela realidade (13.000 dólares), senón que incluso superou todas as metas seguintes prefixadas (a máxima era de 30.000 dólares) e non desbotan lanzar unha versión deste mando que poida operar por USB.
Os mecenas que apoien este proxecto comezarán a recibir o mando para a Nintendo 64 no mes de novembro.

A clásica Nintendo 64 tiña un mando bastante absurdo, xa que contaba con 3 saíntes de agarre, cando as persoas só temos dúas mans

PUBLICIDADE