Un proxecto divulgou nas redes sociais os moitos tesouros da reserva Gerês-Xurés
xoves, 7 de xullo do 2016
Patrimonio do Xurés
é un proxecto para analizar e divulgar a importante listaxe de bens
materiais e inmateriais da Reserva da Biosfera Transfronteiriza
Gerês-Xurés. A
iniciativa levouse a cabo o ano pasado na beira galega da raia e dun
tempo a esta parte, botando man de recursos tradicionais pero tamén
das novas tecnoloxías, estanse
a visualizar perante o mundo os tesouros desta contorna
galego-portuguesa de gran valor natural, paisaxístico, etnográfico
e artístico. O proxecto ten a súa orixe nunha
licitación da Consellaría de Medio Ambiente que foi adxudicada á
cooperativa MaOs Innovación Social e á Feitoría Verde. O modelo a
seguir, en parte, foi a recuperación e visualización do patrimonio
da Reserva da Biosfera de Montseny, en Catalunya. Dende o Facebook,
o Twitter e dende a
futura web (que terá recreacións en 3D dalgúns dos tesouros a
reivindicar) podemos atinxir boa parte riqueza desvelada. Tamén
podemos comezar a albiscar a importancia deste traballo no
avance (en PDF) publicado en culturagalega.org.
O groso dos
traballos desenvolvéronse durante sete meses, abranguendo pescudas
bibliográficas, tomas de contacto, entrevistas con informantes e
investigación a pé de campo, entre outras liñas de acción
desenvolvidas moi en contacto cos habitantes do Xurés, incluíndo
veciños pero tamén alcaldes, concelleiros, asociacións e
comunidades de montes. A través disto, as/os responsábeis do
traballo procuraron que fose a veciñanza mesma a que determinase o
patrimonio de valor: os elementos máis relevantes e os que cumpría
protexer e impulsar. Realizáronse un total de 55 entrevistas,
individuais e colectivas, con preto de 130 persoas, a maiores de toda
a comunicación xerada nas redes sociais, que foron a canle
fundamental para a difusión periódica das tarefas levadas a cabo.
Froito das súas
investigacións e do labor a pé de campo, o
equipo realizou dous audiovisuais, o documental Patrimonio
habitado e mais a presentación do traballo de campo De porta
en porta. Ademais, publicouse un libro con 150 fichas de
elementos patrimoniais, unha guía turística, roteiros patrimoniais,
un mapa e reconstrucións en 3D (tres dimensións) de pezas de
diferente feitura e visitas virtuais: os elementos que en boa medida
darán forma e reclamo a unha futura páxina web.
Segundo reflicte o
Consello da Cultura Galega nunha extensa reportaxe, o desenvolvemento
do proxecto veu parello dunha “intensa campaña de comunicación”
en redes sociais que foi dando interesantes e importantes resultados.
Así, o labor realizado no Facebook posibilitou contactar cun
cumprido número de veciños do Xurés que xa non residen alí, xente
espallada en diferentes recantos de Europa e América que foron
subministrando as súas achegas e puntos de vista no Facebook,
complementado a información sobre as persoas e obxectos que ían
aparecendo nas fotos penduradas. A isto cómpre engadir as bandas
deseñadas elaboradas polos alumnos do Xurés e que tamén fóronse
editando e publicando.