Un proxecto divulgou nas redes sociais os moitos tesouros da reserva Gerês-Xurés

xoves, 7 de xullo do 2016 Redacción

Patrimonio do Xurés é un proxecto para analizar e divulgar a importante listaxe de bens materiais e inmateriais da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés. A iniciativa levouse a cabo o ano pasado na beira galega da raia e dun tempo a esta parte, botando man de recursos tradicionais pero tamén das novas tecnoloxías, estanse a visualizar perante o mundo os tesouros desta contorna galego-portuguesa de gran valor natural, paisaxístico, etnográfico e artístico. O proxecto ten a súa orixe nunha licitación da Consellaría de Medio Ambiente que foi adxudicada á cooperativa MaOs Innovación Social e á Feitoría Verde. O modelo a seguir, en parte, foi a recuperación e visualización do patrimonio da Reserva da Biosfera de Montseny, en Catalunya. Dende o Facebook, o Twitter e dende a futura web (que terá recreacións en 3D dalgúns dos tesouros a reivindicar) podemos atinxir boa parte riqueza desvelada. Tamén podemos comezar a albiscar a importancia deste traballo no avance (en PDF) publicado en culturagalega.org.
O groso dos traballos desenvolvéronse durante sete meses, abranguendo pescudas bibliográficas, tomas de contacto, entrevistas con informantes e investigación a pé de campo, entre outras liñas de acción desenvolvidas moi en contacto cos habitantes do Xurés, incluíndo veciños pero tamén alcaldes, concelleiros, asociacións e comunidades de montes. A través disto, as/os responsábeis do traballo procuraron que fose a veciñanza mesma a que determinase o patrimonio de valor: os elementos máis relevantes e os que cumpría protexer e impulsar. Realizáronse un total de 55 entrevistas, individuais e colectivas, con preto de 130 persoas, a maiores de toda a comunicación xerada nas redes sociais, que foron a canle fundamental para a difusión periódica das tarefas levadas a cabo.
Froito das súas investigacións e do labor a pé de campo, o equipo realizou dous audiovisuais, o documental Patrimonio habitado e mais a presentación do traballo de campo De porta en porta. Ademais, publicouse un libro con 150 fichas de elementos patrimoniais, unha guía turística, roteiros patrimoniais, un mapa e reconstrucións en 3D (tres dimensións) de pezas de diferente feitura e visitas virtuais: os elementos que en boa medida darán forma e reclamo a unha futura páxina web.
Segundo reflicte o Consello da Cultura Galega nunha extensa reportaxe, o desenvolvemento do proxecto veu parello dunha “intensa campaña de comunicación” en redes sociais que foi dando interesantes e importantes resultados. Así, o labor realizado no Facebook posibilitou contactar cun cumprido número de veciños do Xurés que xa non residen alí, xente espallada en diferentes recantos de Europa e América que foron subministrando as súas achegas e puntos de vista no Facebook, complementado a información sobre as persoas e obxectos que ían aparecendo nas fotos penduradas. A isto cómpre engadir as bandas deseñadas elaboradas polos alumnos do Xurés e que tamén fóronse editando e publicando.

PUBLICIDADE