Un proxecto en tecnoloxías 5G de atlanTTic seleccionado no Programa Ignicia

martes, 8 de agosto do 2023 S. P.

O proxecto EdgeContinuum coordinado polo profesor da EE de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Felipe Gil, vén de ser seleccionado para acceder á fase de maduración da convocatoria do programa Ignicia, desenvolvido pola Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación, GAIN) e a Fundación Barrié. O obxectivo desta iniciativa é “a valorización da ciencia excelente feita en Galicia e a transformación dos resultados da investigación galega en tecnoloxías e produtos que poidan chegar ao mercado para dar resposta aos retos da sociedade, á vez que se xeran retornos económicos”.
EdgeContinuum xurde dos activos de investigación do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), punteiro en redes 5G e edge computing co obxectivo de sentar as bases para comercializalos. Segundo explican fontes de atlanTTic, o seu valor diferencial reside en “dous aspectos clave”, protexidos por unha patente: a xestión centrada no terminal de usuario e a migración áxil de contextos de aplicacións asistida por dito terminal.
Xunto a este proxecto tamén foi seleccionado outro da UVigo, MytUniSex, liderado polo profesor Ángel Pérez Diz, investigador do CIM, cuxo obxectivo é “o desenvolvemento e valorización da metodoloxía de produción masiva tras selección xenética asistida por análises moleculares de liñas de mexillóns unisex, con características comercialmente máis atractiva como a cor alaranxada da vianda”.
Ademais destas dúas iniciativas, a Xunta seleccionou outros sete proxectos: dous promovidos polo centro tecnolóxico Gradiant e cadanseu da Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).
Como explican dende GAIN, os nove proxectos seleccionados nesta convocatoria abranguen unha ampla variedade de temáticas, con propostas enmarcadas nas tres prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). Todas elas, ademais, son tecnoloxías disruptivas, con gran potencial e aliñadas coas capacidades industriais de Galicia.
EdgeContinuum
Detrás de EdgeContinuum está un equipo formado por Felipe Gil, Cristina López Bravo, Javier González Castaño, Alberto Estévez Caldas e Rubén Pérez Vaz. Explican que a tecnoloxía 5G ten dado solución a problemas preexistentes, pero tamén ten habilitado novos casos de uso, algúns dos cales requiren “latencia ultrabaixa e son computacionalmente intensivos, requisitos non compatíbeis con despregues cloud debido á latencia engadida pola distancia”. Ademais, engaden, outros casos relacionados coa Internet das Cousas ou as aplicacións inmersivas son “computacionalmente intratábeis en dispositivos finais e economicamente inviables no cloud e a isto súmase o feito de que a información sensible débese almacenar con garantías en zonas xeográficas delimitadas”. Para dar solución a estas necesidades “de cómputo próximo, seguro e confiábel, nace o paradigma edge computing”.
A solución que achegan aposta pola xestión centrada no terminal de usuario e a migración áxil de contextos de aplicacións asistida por dito terminal e poderase despregar tanto en contornas heteroxéneas como desconectadas, incrementando a escalabilidade, abaratando os despregues e habilitando aplicacións móbiles con requisitos extremos. Ademais, a solución será compatíbel coas interfaces estándar da arquitectura 3GPP EdgeAPP e o núcleo de rede 5G do 3GPP e fará uso de tecnoloxías innovadoras de virtualización lixeira.
Dende o centro atlanTTic lembran que o proxecto EdgeContinuum está avalado por prescriptores de talla mundial como Cisco e os tres grandes operadores españois: Telefónica, Orange e Vodafone, así como por empresas tecnolóxicas galegas que son referentes internacionais como Optare Solutions.