Un proxecto galego participará no primeiro contorno de probas de IA da UE
venres, 4 de abril do 2025
O proxecto de investigación e desenvolvemento MESITEL112 desenvolvido no CITIC da Universidade da Coruña coa participación da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e a AMTEGA, para mellorar o sistema de procesado e transcrición das comunicacións telefónicas recibidas no centro de operacións do 112 de Galicia, foi seleccionado para participar no primeiro contorno de probas de intelixencia artificial da Unión Europea, figura recollida no Regulamento europeo de IA.
Para a configuración deste campo de probas regulatorio (sandbox), o Goberno do Estado escolleu 12 proxectos que incorporan sistemas de intelixencia artificial de alto risco e que afectan ao acceso a servizos públicos esenciais, biometría, emprego, infraestruturas críticas, maquinaria, produtos sanitarios e produtos para diagnose in vitro.
A relevancia deste proxecto radica na súa capacidade para mellorar os resultados da transcrición de audios de baixa calidade, así como a incorporación do inglés a un modelo que xa entende o galego e o castelán. Tamén incorpora un sistema de detección automática do idioma. Estes audios son usados para a verificación de datos nas emerxencias e, en ocasións, tamén con fins xudiciais.
O director da AMTEGA, Julián Cerviño, destacou a importancia deste proxecto para Galicia porque “o coñecemento de como o Regulamento afectará ao desenvolvemento e posta en marcha de sistemas de IA é o principal valor da participación nesta contorna de probas”. Segundo manifestou, “este coñecemento tamén facilitará que a Xunta poida asegurar unha despregadura segura da IA e, coa implicación do Clúster TIC, reducir as incertezas da empresas”.
O xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araújo, puxo de manifesto que se trata “dun proxecto totalmente único e novo en España e de enorme interese para aumentar o nivel de eficacia no servizo que se dá no 112”. Araújo considera que “o uso da IA na transcrición de chamadas de voz xera unha eficiencia que se traslada a unha mellor atención, máis concentrada e cunha maior implicación dos operadores nos procedementos e avisos aos medios operativos, o que representa un beneficio para a Administración pública e para o servizo que se lle dá á cidadanía”.
Pola súa banda, o director do CITIC da UDC, Manuel González Penedo, destacou “que o noso proxecto sexa o único galego seleccionado entre as doce propostas a nivel nacional é un reflexo de que Galicia está á vangarda na implementación de solucións innovadoras baseadas en IA. Desde o CITIC levamos anos colaborando coas administracións públicas, e este traballo reforza o noso compromiso co desenvolvemento tecnolóxico aplicado á sociedade. Este proxecto, dirixido por Tiago Manuel Fernández Caramés e eu mesmo, permitirá seguir avanzando na integración da IA en servizos esenciais. Ademais, servirá como base para definir as boas prácticas e o marco normativo que garantirán o seu uso responsable e eficiente”.