Un proxecto para mostrar nas redes os 313 concellos galegos gaña a Bolsa Nacho Mirás

mércores, 22 de outubro do 2025 S. P.

O xurado da décima Bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, decidiu conceder o décimo premio da bolsa ao proxecto Trescentostrece, presentado por Paula Pérez Cantelar, Xoel Rodríguez Poy e Iria Ramos Mesía.
O xurado, formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Belén Regueira, Xoán Soler e Fernando Varela, destacou da iniciativa “o emprego das redes para o desenvolvemento dun traballo divulgativo e amplo, no que o rigor informativo convivirá co atractivo visual, e onde o ámbito rural terá protagonismo”. 
Trescentostrece é un proxecto divulgativo que busca percorrer os 313 concellos de Galicia para contar, dende cada un deles, a diversidade cultural, social e histórica do país. O formato tipo da proposta consistirá en vídeos en formato vertical, cun enfoque explicativo e de arredor dun minuto de duración en TikTok e en Instagram, xunto con stories en ambas as dúas plataformas. A intención é achegar á cidadanía, sobre todo á mocidade, “historias que non sempre ocupan espazo nos medios tradicionais”, segundo explicou o equipo impulsor da iniciativa, engadindo que cada vídeo terá “unha narrativa clara, cun ton próximo, divulgativo e visualmente atractivo, pero sen renunciar a unha mirada rigorosa e á verificación da información”.
Os principais contidos, os audiovisuais, publicaranse cunha periodicidade de tres vídeos semanais, arredor de cuestións como historias humanas; patrimonio material e inmaterial; curiosidades, historia e datos descoñecidos de cada concello; e retos locais. A isto sumaranse contidos de carácter máis secundario, como ser infografías ou stories, que apoiarán os vídeos principais. 
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles e elas, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021), Notas á marxe (2022), Quen son elas? (2023), e A Vozes, cultura zeta e (Des)facendo Galicia (2024).