Un reloxo intelixente para axudar ás persoas dependentes e os seus familiares, premiado pola USC

luns, 27 de novembro do 2017 Redacción

A semana pasada a Universidade de Santiago entregou os galardóns da sexta edición do seu Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores, unha convocatoria dirixida novamente a impulsar a creación de empresas con servizos e ferramentas que acheguen puntos de inflexión na evolución do noso tecido investigador e produtivo, postas en marcha por universitarias e universitarios dos campus composteláns. Entre os proxectos premiados atopábase unha iniciativa para axudar con novas tecnoloxías ás persoas que sofren alzhéimer. Trátase de E-Wear Tecnologies, impulsada polos investigadores-emprendedores Ángel Rodríguez Cerdeira, Carlos García Campos e María Luz Mosteiro del Pilar.
A proposta, distinguida como mellor Proxecto Empresarial Start-Up, ten a súa orixe na situación persoal dun dos seus co-fundadores, con persoas enfermas da dita doenza no seu fogar. O punto de partida foi o seguinte: como usar as novas tecnoloxías para axudar no día a día destes familiares e do resto das persoas que teñen a mesma doenza, e todo buscando a meirandes comodidade e efectividade?
Segundo fixeron saber os seus creadores, E-Wear Technologies pretende proporcionar seguridade e independencia a persoas maiores dependentes. A iniciativa foi recoñecida co premio ao mellor proxecto empresarial Start-Up e unha premio metálico de 2.000 euros. O proxecto aspira a levar ao mercado un reloxo asistente para persoas maiores, que envía alarmas de cando teñen que tomar a medicación e permite avisar á familia ou servizos de emerxencias en caso de necesidade.
O reloxo ten unha tarxeta SIM que o capacita para facer e recibir chamadas e enviar mensaxes de aviso. Á súa vez, a familia ten unha aplicación móbil que permite facer seguimento do usuario do reloxo, sabendo en todo intre se toma a medicación ou se sufriu algunha caída. Son os seus promotores Ángel Rodríguez Cerdeira, Carlos García Campos e María Luz Mosteiro del Pilar.
Empresa EBT
Dotado con 2.000 euros, o premio destinado a empresas coa cualificación de Empresa de Base Tecnolóxica (EBT) da USC recaeu en HGBeyond Materials Science, spin-off que centra a súa actividade na ciencia de materiais, especializada en tecnoloxía de hidroxeles. Constituíuse en xuño de 2015 como Lentimed Medical Devices, nome que mudou en 2017 ao medrar a súa proxección internacional e o seu ámbito de actividade. Na actualidade HGBeyond deseña e desenvolve novos materiais para lentes de contacto de alto valor engadido, que sirvan como correctores de visión máis confortábeis e como plataformas de cesión sostida de sustancias activas. O seu obxectivo principal será a explotación das primeiras lentes medicadas do mundo.
A actividade empresarial desta spin-off aséntase sobre unha das liñas de investigación do Grupo I+D Farma da USC, que ten unha importante actividade científica, sendo un referente no seu campo de traballo. Esta é unha sociedade que promoven Carmen Álvarez Lorenzo, Ángel Concheiro Nine e Paloma Cabello Esteban.
Proxectos EBT
Na categoría de proxectos EBT outorgaranse idénticos premios de 2.000 euros a Biorecovery e Pharmatox-Lab. No primeiro caso o proxecto propón unha empresa enfocada á reciclaxe e valorización de subprodutos das industrias agroalimentarias. A curto prazo o seu obxectivo é a transformación de sangue dos matadoiros, que constitúe un residuo perigoso, en fariña de sangue, un composto inocuo con aplicación na elaboración de fertilizantes para agricultura, tanto convencional como ecolóxica. Promoven este proxecto Abraham Rivera Peña, Hiram Varela Rodríguez, José Manuel Magide Ameijide, Adrián Rodríguez Chantres e Juan José Redondo Floriano.
No caso de Pharmatox-Lab, o proxecto baséase na oferta de análises toxicolóxicas específicas non cubertas actualmente polos laboratorios existentes no mercado. Estas análises inclúen a determinación de drogas e fármacos nas mostras biolóxicas clásicas como son sangue ou ouriños, pero tamén en mostras alternativas, que proporcionan solucións a problemas non resoltos coa análise das mostras clásicas. Os seus promotores son Ana de Castro Ríos, Salvador Blanco Turnes, Elena Lendoiro Belío, Angelines Cruz Landeira e Manuel López-Rivadulla.
Muller Emprendedora
AYeconomics Research Centre, premio na modalidade Muller Emprendedora dotado con 2.000 euros, é unha spin-off especializada en investigación de calidade e recomendación de políticas derivadas da mesma en temas socioeconómicos. Conta con metodoloxías innovadoras que permiten facer análises de impacto con escaseza de información (PATH-RAS) e análises espaciais (EVAL-SET). O equipo de promotoras confórmano Aizhan Samambayeva, Yolanda Pena Boquete, Melchor Fernández Fernández e Manuel Fernández Grela.
Promoción da lingua galega
A proposta gañadora, cunha dotación de 1.000 euros, é Coeduca, en palabras da USC “a primeira entidade especializada en coeducación de España” que implanta plans de igualdade con metodos finlandeses para centros escolares, administracións públicas e entidades que queiran promover unha sociedade máis igualitaria entre mulleres e homes. O proxecto social nace “coa intención de previr a violencia de xénero dende a educación en igualdade e co obxectivo de implantar a primeira rede de centros co educativos de Galicia e a primeira de España da formación profesional”. Esta é unha proposta de María del Pilar, Cecilia e Sandra Porral Iglesias.
Os proxectos gañadores terán acceso de balde á incubadora do edificio Emprendia durante seis meses, contados a partir da data de constitución da empresa. Ademais, a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) facilitará aos distintos proxectos e empresas gañadoras reunións de contacto coas entidades inversoras Unirisco e Xesgalicia. No caso das empresas gañadoras poderán participar nos fondos de inversión organizados por IGAPE e Xesgalicia.

PUBLICIDADE