Un seminario afondará no procedemento para formar parte do rexistro de asesores dixitais de Red.es

luns, 9 de abril do 2018 Redacción

O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da AMTEGA acolle, o día 13 de abril, un seminario práctico para mostrarlles ás PEME como solicitar a súa inscrición no Rexistro de Asesores Dixitais de Red.es.
Esta actividade está dirixida a profesionais do ámbito dixital interesados no asesoramento a empresas en materia de economía dixital. Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
O seminario, de carácter eminentemente práctico, será impartido por un técnico de Red.es que exporá ás persoas asistentes todos os detalles do programa Asesores Dixitais de Red.es e nela, ademais, realizarase, a modo de exemplo, unha solicitude para formar parte do Rexistro de Asesores Dixitais.
Lembremos que o Programa Asesores Dixitais ten como obxectivo ofrecer ás PEME un asesoramento individualizado no seu proceso de transformación dixital, concretándose na realización, por parte de axentes especializados, dun plan de dixitalización para a incorporación das TIC nos seus procesos (xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico, dixitalización de servizos e solucións), para o que habilitarase proximamente unha convocatoria de axudas de ata 5.000 euros por PEME.

PUBLICIDADE