Un servizo de videointerpretación permitiralle ás persoas xordas comunicarse por teléfono

martes, 16 de marzo do 2010 Raquel Noya

Se a pasada semana nos sorprendía ver como era posible levar a cabo unha cata de viños por videoconferencia, que por certo fíxose dende o Telecentro de Chantada e foi a primeira realizada en España, esta semana chama a nosa atención un servizo de videointerpretación da linguaxe de signos que permite a comunicación telefónica entre persoas xordas e oíntes.
Os ministros de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, e de Sanidade e Política Social, Trinidad Jiménez, veñen de presidir esta mesma mañá a presentación desta novidosa ferramenta, que se coñece como SVisual e que será de balde para as persoas usuarias.
Este servizo, que funciona grazas á figura dun videointérprete, contou coa financiación do Plan Avanza e ten como obxectivo garantir a comunicación persoal, directa e inmediata das persoas xordas, mellorando a súa calidade de vida e eliminando as barreiras comunicativas que atopan na súa vida cotiá.
Asemade esta ferramenta, que ofrece unha conexión de audio e vídeo en tempo real, permite a apertura cara novas oportunidades profesionais e persoais deste colectivo, e axuda a que as persoas con problemas auditivos poidan realizar calquera xestión (bancaria, médica, persoal…) de maneira autónoma sen axuda de terceiras persoas.
Durante a presentación, os responsables do sistema fixeron unha demostración de uso do mesmo, na que se mostrou a súa sinxeleza e se comprobou que os labores de intepretación solicitados por cada usuario son realizados con éxito por un videointérprete que fai posible unha comunicación fluída en todo momento.
SVisual pode empregarse a través de diversos dispositivos como videoteléfono, videocámara con conexión a Internet, móbil con tecnoloxía 3G ou mesmo a través dunha aplicación web (dispoñible na web oficial) que permite acceder ao servizo a través dun ordenador que conte con webcam e conexión ADSL.

PUBLICIDADE