Un sistema de visión artificial para detectar incumprimentos do control da COVID, premiado pola RAGC e GAIN

xoves, 2 de xullo do 2020 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) deron a coñecer este 2 de xullo os equipos de investigación destinatarios e as empresas destinatarios/as dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia. Na nova edición destes prestixiosos galardóns, que recoñecen a nosa capacidade para tender pontes de innovación entre as universidades e os centros de I+D e o tecido empresarial, recoñeceuse un sistema de visión artificial capaz de detectar condutas irresponsábeis no control da COVID-19 e, tamén, un composto farmacolóxico para evitar os efectos negativos dos tratamentos oncolóxicos e unha laca de unllas curativa. Os premios, que chegaron á súa sexta edición, veñen con 6.000 euros en cada unha das súas categorías.
O certame, que vén de facer pública a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar o 14 de xullo.

Premio a RelEYEble

A spin-off da Universidade de Vigo RelEYEble resultou galardoada co Premio Ricardo Bescansa Martínez como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. O seu software de visión artificial é capaz de medir as audiencias de soportes publicitarios coma os carteis dixitais e de rexistrar as reaccións de cada persoa, ofrecendo información de enorme valor para anunciantes e xestores nos sectores da publicidade e do comercio á hora de tomar decisións sobre as súas campañas, a disposición de produtos nas tendas e o deseño de escaparates, entre outros aspectos. Tamén permite adaptar os contidos ao perfil das persoas que rexistra para maximizar o impacto.
O xurado dos premios valorou especialmente “a capacidade da empresa para adaptar de xeito moi áxil a súa tecnoloxía ás necesidades xurdidas a raíz da crise da COVID-19, cun sistema que lle permite ao pequeno comercio ofrecer garantías de seguridade durante a normalidade”. En concreto, mediante este software que xa espertou interese no mercado, os comerciantes “poden recibir alertas en tempo real cando os clientes non levan posta a máscara ou non respectan a distancia de seguridade”.
Estas tecnoloxías teñen a súa orixe no traballo realizado en I+D da análise facial durante os últimos 15 anos no Grupo de Tecnoloxías Multimedia da UVigo. Logo de pasar por dúas aceleradoras de empresas (ViaVigo e Galicia Open Future) e quedar finalista no evento de emprendemento universitario internacional SPIN2014, a empresa logrou en 2015 a cualificación como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT).
Ao longo deste tempo, o seu software foise perfeccionando ata o punto de permitir extraer en tempo real información de cantas persoas están diante da pantalla, o seu sexo e idade estimada, a emoción espertada e canto tempo permanecen diante do estímulo visual. A empresa conta con clientes a nivel internacional no sector da publicidade dixital, pero tamén do neuromárketing (para medir a reacción ante spots publicitarios, preestreas ou mensaxes políticas) e da identificación biométrica (comprobación de documentos de identificación e persoas), ademais da función de vídeo-vixilancia que permite, entre outras, as utilidades relacionadas coas medidas para conter a pandemia do coronavirus.

Mellorar a calidade de vida dos pacientes oncolóxicos

O Premio Francisco Guitián Ojea é para o grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), en colaboración coa Universidade da Coruña e co Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria de Madrid. O seu traballo resultou galardoado por presentar a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial. A combinación de dous compostos con actividade senoterapéutica demostrou en modelos experimentais ser eficaz para evitar os efectos negativos da radioterapia e da quimioterapia sobre os fibroblastos da pel –células implicadas no proceso rexenerativo da pel– de pacientes oncolóxicos. Os senoterapéuticos son fármacos que actúan sobre as células senescentes ou envellecidas que se acumulan a causa da quimio e da radio, causando unha dexeneración crónica da pel.

Laca de unllas curativa

O Premio Fernando Calvet Prats é para o Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunoloxía Parasitaria e Parasitosis Hídricas da USC, por presentar o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial. O equipo gañador formulou un verniz de unllas medicamentoso para o tratamento de infeccións fúnxicas e da psoriase ungueal, cunha capacidade de penetración e, polo tanto, de eficacia, moi superior á das lacas actualmente dispoñibles no mercado.

PUBLICIDADE