Un software de precisión para viñedos, gañador do premio de emprendemento Yuzz UDC

xoves, 29 de xuño do 2017 Redacción

Adrián Rodríguez explicando en YouTube os obxectivos da súa ferramenta software

O premio de emprendemento Santander Yuzz UDC vén de recoñecer unha iniciativa galega dirixida a botar unha man no sector vitivinícola. Máis polo miúdo, trátase dun proxecto para dar forma a un software de agricultura de precisión orientado aos viñedos. O proxecto, chamado oSIGris, vén da man dos novos investigadores José Senande e Adrián Rodríguez, quen, grazas a este recoñecemento, acadaron unha praza para viaxar a Silicon Valley, en San Francisco, xunto a outros 51 emprendedores do programa Santander Yuzz (impulsado polo Banco Santander a través de Santander Universidades, coa coordinación do CISE e o apoio da Universidade da Coruña e, no caso galego, tamén pola Universidade de Santiago).
O xurado seleccionou o proxecto de José Senande e Adrián Rodríguez como o mellor do centro Yuzz Universidade da Coruña. Segundo nos conta a UDC, neste espazo estiveron a recibiron formación e asesoramento, nos últimos cinco meses, un total de 18 estudantes.
O proxecto oSIGris é un software moi acaído para adegas con viñedos que permite ao usuario organizar e xestionar a súas viñas dunha maneira máis cómoda e eficiente coa finalidade de mellorar o rendemento e abaratar custes, logrando un control máis exhaustivo tanto nas características das parcelas, liñas ou cepas, como dos traballadores.
Ademais, a iniciativa Eureque, un proxecto sobre a localización máis próxima de produtos téxtiles creado por Paula Río xunto con Pablo Barrio, foi seleccionado como finalista para o premio Yuzz Muller que patrocina a Fundación EY, dotado con 20.000 euros, mentres que Elevador non stop, unha startup encamiñada a comercializar unha patente para control de parada de ascensores impulsada por Kevin Martín, resultou finalista na categoría innovación tecnoloxía disruptiva que impulsa Indra, dotada con 3.000 euros e co apoio e asesoramento dos profesionais de Indraventures.
Oportunidades en Silicon Valley
A viaxe dunha semana a Silicon Valley inclúe visitas a empresas como Google, LinkedIn ou Facebook e conferencias en prestixiosas universidades como Berkeley ou Standford. Os 52 yuzzers gañadores tamén visitarán o Spain Tech Center (STC), impulsado por Banco Santander, ICEX e Red.es, cuxa meta é facilitar a implantación de PEME de alicerce tecnolóxico do ámbito estatal no que nas súas palabras é “unha das contornas máis dinámicas e competitivas do mundo”.
Tras a viaxe, os 52 estudantes asistirán á final nacional dos premios Santander Yuzz 2017 que se celebra na Cidade Grupo Santander de Boadilla del Monte. Un xurado integrado por representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras seleccionarán aos tres mellores emprendedores, que recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar os seus proxectos.

PUBLICIDADE