Un total de 21 pemes galegas, seleccionadas para internacionalizarse a través de Galicia Avanza

luns, 1 de xullo do 2024 S. P.

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas innovadoras e/ou de base tecnolóxica Galicia Avanza vén de seleccionar 21 novas empresas para a súa terceira edición. Esta iniciativa poñíase en marcha en 2022, froito da colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), entidade encargada da súa xestión e coordinación.
Das empresas beneficiarias desta edición, 11 proceden da provincia de Pontevedra, seis de Ourense e catro da Coruña. Ao longo dos vindeiros meses, terán a oportunidade de acceder a un programa integral de apoio á internacionalización, que se prolongará ata febreiro de 2025, con itinerarios personalizados para cada unha delas. Segundo explicou a Tecnópole, traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posíbeis colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes e en incrementar a atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.
O ámbito das novas tecnoloxías e a robótica será un dos ámbitos clave e figuran proxectos como unha plataforma dixital para empresas produtoras de residuos, destinada a centralizar o control operativo e documental de todos os refugallos xerados. Tamén forma parte do programa unha plataforma de xestión intelixente de servizos de Tecnoloxías da Información (TI) e de procesos de negocio, que permite calcular en tempo real indicadores de cumprimento técnicos e funcionais.
Por outro lado, unha firma especializada en robótica industrial busca internacionalizar as súas celas robotizadas modulares, dirixidas en particular ao sector da automoción e que permiten obter unha alta produtividade nun espazo concentrado. Outra das empresas fabrica sistemas avanzados de manipulación, compostos por garras e dedos robóticos, cuxa función principal é a manipulación de pezas industriais (montaxe, transporte, medición e operacións especiais como o enroscado).
Galicia Avanza acolle empresas que ofrecen produtos e servizos tan diversos como unha peme que camperiza furgonetas industriais, unha academia de xadrez online, unha peme dedicada á transcrición de partituras e á elaboración de librerías de música virtuais, unha consultora de comunicación internacional especializada en achegar ás empresas a novos países e culturas, unha firma que ofrece servizos dixitais para predicir as propiedades da madeira, outra de servizos de decoración e adecuación de espazos para hoteis, unha empresa que busca internacionalizar o seu humus líquido como fertilizante orgánico, ata unha axencia de viaxes especializada en alugueiros de vilas vacacionais de luxo en Galicia.

PUBLICIDADE