Un total de 35 finalistas aspiran a gañar os V Premios Youtubeiras

martes, 16 de novembro do 2021 S. P.

Os quintos Premios Youtubeiras, encamiñados a facer ferver Youtube de contidos na nosa lingua, colleron este 16 de novembro un novo e decisivo impulso. Fixérono coa presentación dos finalistas (un total de 35) para as súas doce categorías. Como lembraremos, o certame é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.
En total, 35 propostas disputaranse os galardóns desta quinta edición e as persoas gañadoras daranse a coñecer o próximo venres 26 de novembro. Ese día, ás 20.00 h, a casa da cultura de Bertamiráns (Ames) acollerá a gala de entrega dos Premios Youtubeiras, que presentará o grupo Tanxugueiras. Desta quinta edición dos galardóns, a organización destaca dous trazos fundamentais comúns dos vídeos e canles participantes nesta edición: “Un notábel aumento na calidade técnica e de contidos” e “unha importante ampliación das temáticas tratadas”.
Estes e outros datos foron achegados por Carme Pereiro, coordinadora dos Premios Youtubeiras, na conferencia de prensa celebrada este martes 16 para presentar a gala e anunciar a relación de finalistas, na que tamén participaron Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames; María Muíño, deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, e o grupo Tanxugueiras.
O xurado, constituído polo sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e directora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia, reuniuse en Pontevedra a semana pasada para escoller a relación de finalista en once das doce categorías, xa que o Premio do Público vén determinado polos votos emitidos polos/as internautas nas redes sociais de Youtubeiras. Segundo a acta, o xurado valorou positivamente tanto “a cantidade como a calidade” das canles presentadas e tamén salientou “a existencia dunha comunidade asentada de referencia para o Youtube en lingua galega”.
As deliberacións do xurado determinaron que Olaxonmario, Neeumátiko e Cousxs sexan as finalistas do Premio Youtubeira/o 2021. Os dous primeiros, ademais, aspiran xunto a O Son das Ideas a facerse co galardón á canle. Na categoría de vídeo, os finalistas son: Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese whit Leo, vídeo de Olaxonmario; A nova bomba de Tanxugueiras, vídeo de Cousxs, e Educación Franquista, vídeo de Pradorua. Estes tres galardóns contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto de categorías é de 500. Para o Premio do Público, os finalistas son: Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia, da canle Orgullo Galego; Amemos o noso, de Xabi Gómez, e El cuarteto de IBAI - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA),Feat. Dani Piñeiro de Fica coa Bola.
As propostas que acaparan o maior número de finalistas son as seguintes: Olanxonmario aspira en total a facerse cos premios en cinco categorías (canle, youtubeira, vídeo, impacto e creatividade). A catro galardóns opta Neeumátiko (canle, youtubeira, calidade lingüística, impacto) e tamén Cousxs (youtubeira, vídeo, calidade lingüística e premio musical). O Son das Ideas pelexa por tres premios (canle, técnica e creatividade).
Pola súa banda, o grupo Tanxugueiras ten un duplo protagonismo nestes Premios Youtubeiras, xa que ademais de protagonizar o vídeo finalista de Couxas, presentará a gala de entrega do vindeiro venres 26 de novembro. Dende Tanxugueiras, sinalaron ante os medios que “a gala será neste 2021 eminente musical”, sen querer adiantar moitos máis detalles “para sorprender o público que acuda á casa da cultura de Bertamiráns”. Tanxugueiras unirase así a, Iria Ponheiro, Patricia de Lorenzo ou a compañía teatral A Panadaría na lista de artistas e formacións que nos últimos anos presentaron a gala dos Premios Youtubeiras.
Relación de finalistas por categorías
1. PREMIO CANLE
O Son das Ideas
Olaxonmario
Neeumátiko
2. PREMIO YOUTUBEIRA
Olaxonmario
Neeumátiko
Cousxs
3. PREMIO VÍDEO
Por que é que non entendo o portugués? Co @Portuguese With Leo (vídeo de Olaxonmario)
A nova bomba das Tanxugueiras (vídeo de Cousxs):
Educación franquista (vídeo de Pradorua):
4.PREMIO CALIDADE LINGÜÍSTICA
Neeumátiko
Cousxs
Esbardalhando
5.PREMIO IMPACTO
Pablo Rodríguez Vila
Olaxonmario
Neeumátiko
6.PREMIO CALIDADE TÉCNICA
Toxío
O Son das Ideas
Xacobo de Toro:
7.PREMIO COMUNICACIÓN
AstroXabi
Pablo Rodríguez Vila
Un rapáTRANSquilo FTM
8.PREMIO CREATIVIDADE
Cousas RarísimASMR
O Son das Ideas
Olaxonmario
9.PREMIO MUSICAL
Cousxs
FØ Records
10. PREMIO DIDÁCTICO
Xacobo de Toro
O Son das Ideas
Neeumátiko
11. PREMIO PIONEIRO
Recuncho Gamer
Pingando
Astroxabi
12. PREMIO DO PÚBLICO
Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia; da canle Orgullo Galego
Amemos o noso de Xabi Gómez
El cuarteto de IBAI - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA) | Feat. Dani Piñeiro de Fica coa Bola.

PUBLICIDADE