Un traballo da UDC para detectar erros en sistemas, galardoado na conferencia internacional DCAI

martes, 16 de xullo do 2019 Redacción

José Luis Calvo-Rolle (esquerda) e Esteban Jove Pérez (dereita)

Os investigadores do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética (CTC) da Universidade da Coruña Esteban Jove Pérez, José Luis Casteleiro Roca, Héctor Quintián Pardo, Juan Albino Méndez Pérez e José Luis Calvo-Rolle foron galardoados co premio ao mellor artigo científico Data Fusion na International Conference DCAI que tivo lugar os días 26, 27 e 28 de xuño en Ávila. A comunicación foi seleccionada entre máis de 400 textos, polos comités de programa dos congresos internacionais PAAMS, DCAI, ISAml, PACBB, MIS4TEL, Blockchain e DECOM.
O traballo galardoado achega un modelo tecnolóxico para detectar erros e eivas en calquera tipo de sistema tecnolóxico, poñendo o foco nos de meirande complexidade. O método presentado marca diferenzas con respecto a outros análogos porque minimiza o tempo de execución e garante o éxito en moita maior medida. A comprobación fíxose botando man dun sistema de control automático.
O profesor José Luis Calvo Rolle coordina o grupo de investigación de Ciencia e Técnica Cibernética, adscrito ao Centro de Investigacións Tecnolóxicas no Campus de Ferrol. O ámbito de investigación deste grupo abrangue aspectos de Intelixencia Artificial, sistemas automatizados de produción, equipos eléctricos de control, instrumentos electrónicos e tecnoloxía da automatización e enxeñaría de control. Calvo Rolle é coordinador do Mestrado Universitario Internacional en Eficiencia e Aproveitamento Enerxético que se imparte na Escola Universitaria Politécnica.

PUBLICIDADE