Un traballo sobre sexismo nos medios dixitais galegos obtén o Premio Ángeles Alvariño da UDC
martes, 21 de novembro do 2023
A
graduada en Xestión Dixital de Información e Documentación,
Patricia López Bellas, vén de gañar o primeiro premio do XI
Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero Ángeles
Alvariño que promove a Oficina para a Igualdade de Xénero da
Universidade da Coruña. O seu traballo de fin de grao, titulado
Mulleres na prensa: análise de sexismo de novas sobre maltrato
e dirixido pola profesora da Facultade de Humanidades e
Documentación, María Elena Alfaya Lamas, acadou o primeiro galardón
na categoría de Artes e Humanidades.
Como
explica López Bellas, no seu traballo de fin de grao analiza un
total de 30 novas sobre violencia machista publicadas nas edicións
dixitais dos xornais galegos La Voz de Galicia e Faro de
Vigo. A ex-alumna do Campus Industrial de Ferrol realizou unha
análise comparativa entre as dúas cabeceiras para poder identificar
similitudes e diferenzas en tratamento informativo da violencia de
xénero. Amais, centrou o seu interese no contido desas 30 novas
seleccionadas para tentar identificar outro tipo de patróns máis
complexos como poden ser o ton e a actitude da nova cara as vítimas
e as persoas agresoras, a presenza de estereotipos de xénero ou
mesmo a inclusión de testemuños de persoas expertas nesta temática.
Entre
as conclusións do seu traballo fin de grao, López Bellas salienta a
necesidade de “mellorar a formación dos e das profesionais que
integran as redaccións dos dous xornais en cuestións de xénero”
e subliña que “o uso de determinados datos e informacións tales
como a nacionalidade, a idade ou a situación social tanto da vítima
como da persoa agresora son claros estereotipos de xénero que, en
ocasións, poden desvirtuar o relato e atenuar certas
responsabilidades”. Do mesmo xeito, a antiga alumna da Facultade de
Humanidades e Documentación incide en como os medios priorizan as
agresións físicas fronte outros tipos de violencia como pode sen a
psicolóxica, a económica ou a social “facendo referencia a
agresións verbais, ameazas ou insultos, considerados todos eles como
delitos menores.”
Traballos
académicos con perspectiva de xénero
A
Oficina para a Igualdade de Xénero, dependente da Vicerreitoría de
Igualdade, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, convocou o
XI Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero
Ángeles Alvariño co obxectivo de incentivar a realización de
traballos académicos que inclúan a perspectiva de xénero por parte
do alumnado de grao e de máster.
O
xurado seleccionou os dous mellores traballos de fin de grao e os
dous mellores traballos fin de máster nas categorías de Artes e
Humanidades, Ciencias e Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e
Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura. O primeiro premio de cada
unha das categorías recibirá un cheque por valor de 800 euros e o
seu correspondente diploma acreditativo. Pola súa banda, as persoas
galardoadas co segundo premio recibirán 200 euros xunto co xa citado
diploma acreditativo.