Un videoxogo desenvolvido grazas a investigadores galegos facilita a detección temperá do alzhéimer

martes, 11 de marzo do 2025 Redacción

Samsung España anunciou hoxe o lanzamento de The Mind Guardian, unha innovadora aplicación gamificada baseada en intelixencia artificial, que presenta unha proba de autoavaliación de memoria para o cribado a grande escala de signos de deterioro cognitivo, un síntoma común nas fases temperás de doenzas como o alzhéimer. Este avance supón un fito no ámbito da saúde e da tecnoloxía aplicada para romper barreiras, facilitando a detección temperá de demencias como o alzhéimer, unha doenza que só en España afecta a 800.000 persoas.
Este videoxogo, cunha precisión do 97%, preséntase como unha ferramenta autoadministrable, de balde e accesible, deseñada especificamente para persoas maiores de 55 anos sen síntomas evidentes de deterioro cognitivo. O seu aspecto máis innovador é a combinación de tres elementos científico-tecnolóxicos: a gamificación de probas de memoria convencionais para a detección do deterioro cognitivo utilizadas en contornos sociosanitarios, a análise baseada en intelixencia artificial e aprendizaxe automática, e o cumprimento dos criterios de validez psicométrica na construción das probas dixitalizadas.
Cun enfoque na detección temperá e tras unha sesión duns 45 minutos, The Mind Guardian ofrece aos usuarios unha solución sinxela e de acceso universal para identificar posibles signos de deterioro cognitivo, reducindo os efectos negativos do denominado síndrome da bata branca ou medo á realización de probas en contornos sanitarios. No caso de detección de sinais de deterioro cognitivo, The Mind Guardian actúa como unha alerta inicial que axiliza a posterior consulta aos profesionais médicos para o seu diagnóstico e o posible acceso a terapias e tratamentos dispoñibles para fases temperás destas patoloxías, así como a planificación persoal e familiar.
O proxecto de investigación que fixo posible o desenvolvemento de The Mind Guardian remóntase a 2014, coa creación dun grupo de investigadores multidisciplinar dos ámbitos tecnolóxico e sociosanitario nas universidades de Vigo e de Santiago de Compostela para a combinación de técnicas de gamificación e intelixencia artificial, con criterios de validez psicométrica, como instrumento de cribado do deterioro cognitivo. Como resultado dos seus avances, o Grupo de Enxeñería de Sistemas Telemáticos (GIST) do centro de investigación de Tecnoloxías de Telecomunicación de Galicia (atlanTTic), pertencente á Universidade de Vigo, encargouse dunha batería de seis videoxogos para avaliar a memoria episódica, executiva, memoria de traballo, memoria semántica, memoria procedimental e atención; cada un deles baseado nun test convencional empregado en contornas sociosanitarias.
Entre 2016 e 2023 leváronse a cabo pilotos con esta batería de videoxogos en diferentes centros de día, asociacións de persoas maiores e entidades vencelladas co tratamento das demencias, como a Asociación Galega de Familiares con Alzhéimer (AFAGA). Os resultados máis recentes cobren 152 usuarios con valores de validación cruzada que acadaron o 97% en precisión e confirman a usabilidade e aceptabilidade do instrumento por parte das persoas participantes. Como consecuencia do proceso de adestramento dos algoritmos de aprendizaxe automática e as avaliacións realizadas a persoas maiores ao longo do proxecto, identificouse que era suficiente enfocarse na memoria episódica, semántica e procedimental para obter resultados estatisticamente significativos para identificar a unha persoa como sa, con deterioro cognitivo leve ou con demencia nun proceso de cribado. Ademais, levouse a cabo a validación de usabilidade no marco dun proxecto europeo, con 150 persoas adicionais en diferentes países utilizando o Technology Acceptance Model (TAM). Este traballo de investigación culmina nunha tese de doutoramento defendida na Universidade de Vigo, así como en publicacións en revistas científicas de alto nivel.
En 2022, Samsung Iberia e a Universidade de Vigo comezan a explorar a posibilidade de ofrecer estas probas en formato de aplicación de balde para a autoavaliación no ámbito domiciliario e facilitar así unha peneira inicial a grande escala, até que finalmente asinan en 2024 un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e Samsung Iberia para impulsar o desenvolvemento e posta a disposición de The Mind Guardian, cuxos dereitos son titularidade da Universidade de Vigo. O proxecto levouse a cabo coa colaboración desde o ámbito clínico do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, a axencia Cheil Spain como titular da aplicación e a súa distribución aos usuarios finais, e Innatial Developers S.L., firma galega experta en integración de sistemas Android.
Luis Anido, catedrático de enxeñería telemática e investigador na Universidade de Vigo, especializado en tecnoloxía aplicada á saúde e intelixencia artificial do centro de investigación atlanTTic comentou na presentación que o traballo do seu grupo «centrouse na incorporación de algoritmos de IA desenvolvidos previamente en atlanTTic na app de The Mind Guardian, que acadaron un nivel de exactitude do 97,1%, demostrando o enorme potencial da tecnoloxía para a detección temperá do deterioro cognitivo en masa; algo moi custoso en tempo e recursos mediante as técnicas actuais de cribado».
Nesta dirección, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou a importancia de contar con novas iniciativas que fomenten o uso da tecnoloxía que permita estimular e mellorar a actividade cognitiva dos maiores.
Pola súa banda, Carlos Spuch, neurocientífico e experto en doenzas neurodexenerativas responsable do proxecto no IIS Galicia Sur, comenta que esta nova ferramenta «non só permite a identificación temperá de posibles problemas cognitivos, senón que tamén pode ser clave para fomentar cambios no estilo de vida e mellorar a calidade de vida de millóns de persoas».

The Mind Guardian, o maior proxecto de Tecnología con Propósito

Polo seu impacto, tanto nas persoas con posible deterioro cognitivo como nas súas familias, The Mind Guardian é unha aplicación con enfoque lúdico que recompila datos clave a través de xogos interactivos deseñados para avaliar a memoria episódica, semántica e procedimental. Estimacións internas, realizadas a partir dun estudo encargado a Ipsos España, calculan que esta tecnoloxía de autoavaliación podería beneficiar potencialmente a 2,5 millóns de persoas.
O seu deseño integra todas as probas nunha única experiencia cunha interface intuitiva e accesible, facilitando o seu uso para calquera persoa a partir dos 55 anos. Para obter un resultado, o usuario debe completar tres probas dentro do videoxogo, que abordan estes tres ámbitos de análise:
– Memoria episódica: o usuario percorre unha pequena cidade, observando listas de elementos. Posteriormente, deberá identificalos en percorridos activos pola cidade.
– Memoria procedimental: proba de axilidade e coordinación na que o usuario segue co dedo un círculo en movemento, que xira a distintas velocidades e direccións.
– Memoria semántica: preséntanse tres imaxes relacionadas entre si, das cales só unha é a opción correcta en termos de asociación semántica.
Os algoritmos de machine learning foron desenvolvidos e adestrados cunha mostra representativa da poboación española, garantindo unha maior fiabilidade na identificación de posibles signos de deterioro cognitivo. The Mind Guardian foi deseñado e homologado especificamente para o contexto do territorio español, empregando tests de memoria convencionais aplicados en contornas sociosanitarias de práctica clínica en España. Actualmente, a aplicación está dispoñible unicamente en español, xa que o contexto cultural e lingüístico inflúe directamente na fiabilidade da avaliación cognitiva.
Debido ao seu potencial impacto a grande escala e aos recursos investidos, The Mind Guardian convértese no proxecto máis destacado da iniciativa Tecnología con Propósito de Samsung, un programa deseñado para aplicar a innovación tecnolóxica á resolución de retos sociais e á mellora da calidade de vida das persoas.

Vídeo promocional de The Mind Guardian