Un xogo a prol da reciclaxe impúxose na Game Jam de Pontevedra
luns, 31 de outubro do 2016
O Campus de Pontevedra
acolleu a semana pasada un congreso (o cuarto Congreso
Internacional de Videoxogos e Educación, CIVE) e, dentro del,
unha sesión de traballo colectiva para dar forma a un xogo con
potencial para mellorar o mundo. Falamos da Game Jam da Casa
da Luz unha actividade que
contou coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG) e que consistiu nun maratón para
dar forma a un serious game (unha achega gráfica para
entreter pero tamén para informar, formar, denunciar ou divulgar)
entre os diferentes grupos participantes. Segundo puidemos saber, a
Game Jam rematou o venres e o gañador foi un videoxogo para a
aprendizaxe do reciclado e a prol dos valores para a protección do
medio ambiente.
O grupo gañador estivo
formado por Amparo Fernández, Robert Fekete, Esteban Canle e Jorge
Contreras. O segundo traballo clasificado foi un videoxogo baseado
nun personaxe fantástico que nos ensina as vantaxes de sermos
construtivos (en contraposición coas desvantaxes de sermos
“tóxicos”). O grupo estivo constituído por Brais Bello, Joseba
Cuña, Diego Oya e Iago Xosé Sequeiros.
Segundo indican os
organizadores da actividade, os participantes na Game Jam
traballaron na creación dun videoxogo para móbiles e tabletas, “do
que non souberon as características até o comezo do encontro”. O
tema elixido foi o da educación orientado ao alumnado de Primaria e
monoxogador. A Game Jam estivo dirixida a programadores,
deseñadores, ilustradores e outras persoas interesadas no mundo dos
videoxogos.
A encargada de entregar
os premios onte á tarde foi Beatriz Legerén, responsable do CIVE e
membro do Grupo Alfás. O Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG) patrocinou os premios: catro tarxetas
regalo por valor de 60 euros cada unha delas para os gañadores e
outras catro por valor de 40 euros para os segundos clasificados. O
equipo vencedor terá, asemade, a posibilidade de realizar unha
campaña de crowdfunding para obter os fondos precisos para
desenvolver o seu xogo, coa colaboración da empresa galega Gato
Salvaje Estudio.