Un xogo de golf será o máis destacados dos Games with Gold de maio

luns, 29 de abril do 2019 Marcus Fernández

Tras uns meses cunha selección de xogos moi forte, Microsoft solta o pé do acelerador para o mes de maio e anuncia uns xogos para os usuarios Gold de Xbox LIVE moi por debaixo do habitual, con practicamente un título relativamente aceptable: The Golf Club 2 featuring PGA Tour. Este xogo de golf para Xbox One con licenza oficial chegará na segunda metade do mes, o que agradecerán especialmente os que non teñan ningún título deste deporte para a consola de Microsoft.
O outro xogo de Xbox One de maio será Marooners, un descoñecido xogo de mini-xogos, na liña dos party games que son tan habituais nas consolas de Nintendo, pero que na plataforma de Microsoft non gozan de sona nin calidade.
Os xogos de Xbox 360 que chegarán en maio (podendo gozarse en Xbox One grazas á retrocompatibilidade) serán o xogo de acción Earth Defense Force: IA e o curioso Comic Jumper, que pese a non ser xogos de baixa calidade, son descoñecidos polo grande público, de xeito que a meirande parte dos subscritores de pagamento de Xbox LIVE quedarán bastante decepcionados pola oferta de xogos de maio, aínda que coas esperanza posta en xuño, cando a celebración da feira E3 podería ser incentivo dabondo para incluír algún grande xogo ou, cando menos, algún título relacionado con algún dos anuncios da feira dos videoxogos máis importante a nivel mundial.

A selección de Xogos con Gold de maio é das máis pobres dos últimos anos

PUBLICIDADE