Un xogo inspirado en Castlevania: Symphony of the Night trunfa en Kickstarter

luns, 11 de maio do 2015 Marcus Fernández

A franquía de Castlevania contou con numerosas entregas ao longo do tempo, sendo a mellor lembrada pola crítica e o público o Castlevania: Symphony of the Night para PlayStation que Konami editou en 1997, polo que non parece sorprendente que cando un dos seus directores, Koji Igarashi, iniciase en Kickstarter unha campaña para financiar Bloodstained: Ritual of the Night¸ un xogo que podería considerarse un sucesor espiritual do mencionado clásico, moitas foran as miradas que quedaron cravadas no proxecto, conseguindo moita atención e agradando a milleiros de mecenas que investiron no título completando o seu financiamento en só tres horas e media.
Este xogo está previsto que conte con versións para Xbox One, PlayStation 4 e PC, que poden adquirirse en formato descargable por 28 dólares (estando prevista a súa publicación en marzo de 2017) existindo sorprendentemente unha versión en formato físico que custaría 60 dólares (58,26 euros cos gastos de envío incluídos) que estaría principalmente dirixida a coleccionistas que levan anos seguindo a obra de Igarashi.
En Bloodstained controlarase a Miriam, unha muller que padece unha maldición que converte o seu sangue en cristal, o que a leva a percorrer un castelo cheo de demos aos que enfrontarse para atopar unha cura, ou sexa, que manterá o espírito de Castlevania, pero fuxindo da figura de Drácula para poder narrar unha historia orixinal. O xogo desenvolverase con Unreal Engine 4 e presentará un deseño 2,5D, o que permite respectar a buscada xogabilidade bidimensional propia deste tipo de xogos.
Aínda que os xogos de Castlevania contaron con numerosas entregas para dispositivos móbiles de Nintendo, nesta ocasión as limitacións de orzamento fan que inicialmente non vaia desenvolverse unha versión de Bloodstained para Nintendo 3DS.

PUBLICIDADE