Un xuíz estadounidense considera lícito adestrar modelos de linguaxe con libros
mércores, 25 de xuño do 2025
Un xuíz federal dos Estados Unidos vén de emitir un fallo que marca un punto de inflexión no debate legal sobre o uso de obras con dereitos de autor para adestrar modelos de intelixencia artificial. No caso Bartz et al. vs Anthropic, o xuíz William Alsup considera que o uso de libros por parte da empresa Anthropic para adestrar o seu modelo Claude constitúe un uso «extraordinariamente transformador» e, polo tanto, está amparado pola lexislación estadounidense de fair use (uso lexítimo).
A demanda fora presentada en 2023 por tres autores, entre eles a escritora de thrillers Andrea Bartz, quen acusaban a Anthropic de empregar copias pirateadas das súas obras para construír unha biblioteca de adestramento e beneficiar así un negocio multimillonario. Segundo o xuíz, aínda que a creación de copias dos libros foi necesaria para o adestramento, a súa finalidade era «crear algo diferente» e non reproducir nin substituír os textos orixinais.
Con todo, o tribunal rexeitou arquivar completamente a causa, obrigando Anthropic a ir a xuízo pola forma en que obtivo eses libros, que supostamente foron descargados de sitios piratas e almacenados nunha biblioteca central con máis de sete millóns de títulos. De confirmarse este feito, a empresa podería enfrontarse a multas de ata 150.000 dólares por cada obra con dereitos de autor vulnerados.
No seu ditame, Alsup puntualizou que os demandantes non alegaron que Claude xerase copias infractoras ou réplicas das súas obras, o que podería ter cambiado o rumbo do caso.
Moitas empresas do sector están optando por acordos de licenza coas editoriais ou cos creadores dos materiais orixinais, como vía para evitar conflitos xudiciais. A pesar do risco de sancións, Anthropic acolleu positivamente que o xuíz recoñecese o carácter transformador do seu uso, aínda que anunciou que está a avaliar os seguintes pasos na súa defensa.
A resolución de Alsup non pecha o caso, pero podería sentar precedente para outros litixios similares sobre como os modelos de linguaxe poden empregar material existente sen vulnerar os dereitos dos seus autores.
