Un xulgado federal concede a Media Matters unha medida cautelar contra a FTC por represalias

luns, 18 de agosto do 2025 Redacción

A xuíza Sparkle L. Sooknanan

O Tribunal do Distrito de Columbia ditou unha orde preliminar favorable a Media Matters for America, recoñecendo que a organización é vítima dunha violación da Primeira Emenda por parte da Comisión Federal de Comercio (FTC). A decisión, asinada pola xuíza Sparkle L. Sooknanan o 15 de agosto de 2025, paraliza temporalmente un amplo requirimento de investigación emitido pola FTC contra a entidade.
Media Matters, unha organización sen ánimo de lucro dedicada dende hai máis de dúas décadas a fiscalizar a desinformación nos medios estadounidenses, denunciara que a FTC actuara por represalia logo de publicar un artigo crítico co rumbo de Twitter/X tras a súa compra por parte Elon Musk. Nese texto advertía de que anuncios de grandes marcas aparecían xunto a contido antisemita e neonazi. A reacción de Musk foi anunciar unha «demanda termonuclear» contra Media Matters, á que seguiron procesos xudiciais en distintos países e investigacións impulsadas polos fiscais xerais de Texas e Missouri, ambas suspendidas cautelarmente polos tribunais.
Segundo a sentenza, a orde de investigación da FTC, emitida en maio de 2025 baixo a presidencia de Andrew Ferguson (nomeado por Donald Trump tras a súa vitoria electoral), supuña unha acción de carácter vingativo que podería disuadir a calquera medio de continuar co seu labor informativo. O tribunal sinala que Media Matters xa renunciou a cubrir certas historias sobre a propia FTC e sobre Musk debido á presión exercida pola axencia federal.
A xuíza Sooknanan sostén que as probas presentadas (incluíndo declaracións de dirixentes e asesores da FTC con manifestacións hostís contra Media Matters, así como o momento e alcance desproporcionado do requirimento) evidencian un ánimo de represalia. Para o tribunal, a perda de dereitos da Primeira Emenda, mesmo por períodos curtos, constitúe un dano irreparable e contrario ao interese público.
Con esta resolución, Media Matters obtén unha nova vitoria xudicial fronte ás tentativas de Musk e das autoridades aliadas de limitar o seu traballo. A batalla legal, con todo, continúa aberta, e a orde preliminar terá que ser confirmada en sede xudicial.