Unayta dixitalizou a obra xornalística de Wenceslao Fernández Flórez

mércores, 5 de xaneiro do 2022 S. P.

Unayta, empresa de servizos tecnolóxicos e dixitalización emprazada en Milladoiro (Ames), compartiu os detalles dun dos máis destacados proxectos nos que traballou no ano que vimos de deixar atrás: a dixitalización da obra xornalística do escritor Wenceslao Fernández Flórez (A Coruña, 1885-1964), considerado unha das principais figuras da literatura e o xornalismo da primeira metade do século XX.
En concreto, a Fundación Wenceslao Fernández Flórez, garda e custodia do patrimonio textual e bibliográfico do autor, confioulle á firma de Ames a dixitalización dunha serie de volumes, con feitura de álbums de recortes, nos cales foron pegados de xeito manual unha chea de artigos de prensa escritos polo propio Fernández Flórez, así como artigos elaborados por outros autores sobre o autor.
Entre as crónicas que o equipo de Unayta tivo oportunidade de tratar (co obxectivo de asegurar a súa óptima conservación e a súa divulgación) atopábanse as crónicas parlamentarias con Anotaciones de un oyente (1916-1921 e 1931-1935); as crónicas taurinas con El toro, el torero y el gato (1946); as crónicas futbolísticas con De Portería a Portería (1949); e crónicas de viaxes coa Vaca adúltera (1952).
Escritor e xornalista carismático
Unayta lembra que Wenceslao Fernández Flórez caracterizouse por ser un escritor e xornalista carismático, que logrou chegar a un amplo público e acadar un notábel éxito empregando unha linguaxe irónica e humorística, a través do cal describiu a vida cotiá da primeira metade do século XX, tantos os aspectos que preocupaban á poboación (vida política), como aqueles que suscitaban un enorme interese (o fútbol, os touros, as viaxes). Para coñecer máis sobre esta figura, a empresa de Ames convida aos internautas a que visiten a web da Fundación Wenceslao Fernández Flórez e a súa casa coñecida como Vila Florentina localizada en Cecebre, concello de Cambre, A Coruña.

PUBLICIDADE