Uncharted 4 xa está nas tendas

martes, 10 de maio do 2016 Marcus Fernández

Hoxe era o día agardado por moitos posuidores dunha PlayStation 4, xa que chegaba ás tendas o varias veces adiado Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón, xogo que culmina as aventuras de Nathan Drake e no que todas as críticas coinciden en que os de Naughty Dog puxeron toda a carne no asador, creando un produto redondo que sen dúbida vai ser do máis destacado do ano pese a publicarse lonxe da campaña de Nadal.
Dende Naughty Dog aseguran que “a produción foi moi complicada... Posiblemente a máis complicada de toda a nosa carreira e non estabamos dispostos a recortalas, porque sabiamos que era o noso derradeiro Uncharted”, ou sexa, que eran plenamente conscientes de que estaban a pór o broche de ouro, e, tendo en conta que era o seu primeiro grande xogo para a actual xeración de consolas de videoxogos, tamén tiñan que demostrar do que é capaz unha máquina como a PlayStation 4.
De todos os xeitos, o feito de que o lanzamento deste título fose un martes en vez dun venres podería ter provocado problemas loxísticos, e durante a xornada de hoxe vimos como numerosos compradores do xogo a través de Amazon.es estaban indignados por ter recibido un aviso de que o establecemento en liña non recibira suficientes copias do xogo a tempo, e estimaba que os compradores non o recibirían até o xoves (o que incluso chegaron a compensar cun desconto de 3 euros polas molestias). Non foron poucos os casos que saltaron a anunciar que cancelaban o pedido en Amazon e recorrían a un establecemento físico para facerse cunha copia do esperado xogo, deixando claras as ansias por xogar a un xogo que posiblemente superou as xa boas expectativas de vendas realizadas inicialmente.

PUBLICIDADE