Unha actualización de firmware permite ás cámaras LUMIX GH5 gravar vídeo 6K

martes, 5 de setembro do 2017 Marcus Fernández

A cámara Panasonic DC-GH5 actualizou o seu firmware á versión 2.0 para mellorar o seu rendemento e as súas funcións, o que facilita que esta magnífica cámara poida empregarse agora a través dun ordenador persoal conectado por USB a través do software LUMIX Tether (o que resulta moi práctico para ver na pantalla do PC as imaxes que se están a tomar en sesións fotográficas nas que se precise dunha confirmación continua), mellórase o enfoque automático, redúcense os tempos de espera ao disparar en secuencia, estréase un modo de gravación de vídeo ALL-Intra (que rexistra vídeo Full HD ou 4K a 10 bits e 4:2:2), engádese a posibilidade de gravar vídeo 4K con HDR, mellórase o modo de gravación de vídeo anamórfico e outros pequenos cambios.
Aínda que o modo de gravación de vídeo ALL-Intra supón unha importante mellora, xa que ofrece unha elevada calidade de imaxe, resulta máis rechamante a incorporación do novo modo anamórfico de alta resolución, que grava vídeo en 18 Mpíxeles, o que podería describirse como gravación en 6K, algo que normalmente está reservado a cámaras de prezos moi superiores (a Panasonic DC-GH5 custa 1.999,90 euros). Temos así que está cámara incorpora modos de gravación de vídeo nos que podemos ter fotogramas de 4.992 x 3.744 píxeles gravados a 200 Mbps en 4:2:0 e 10 bits con compresión de imaxe Long GOP frecuencias de fotograma PAL, NTSC ou cine. Sen dúbida, unha magnífica opción para creadores audiovisuais que non queren realizar grandes investimentos económicos, conseguindo así uns resultados impresionantes e nuns formatos doados de integrar no fluxo de traballo.

PUBLICIDADE