Unha actualización provoca fallos en numerosos reloxos Garmin

mércores, 29 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Nos últimos días hai usuarios de reloxos Garmin desesperados por todo o mundo por mor dunha actualización corrupta que deixou os seus dispositivos inservibles, amosando na súa pantalla un triángulo azul da morte.
A cantidade de modelos afectados está a ser esaxerada, xa que terían problemas algúns reloxos Fenix 8, Lily 2 Active, Approach S70, Adventure (e as súas variantes), Descent Mk3, Forerunner, Instinct 3, vivoactive 4, Venu 3 e vivoactive 5, entre outros, ou sexa, a práctica totalidade de reloxos recentes de Garmin, explicando na páxina de soporte da compañía algunha das posibles solucións, que van dende un sinxelo reinicio até un reestablecemento de fábrica, pasando por unha conexión a unha aplicación de móbil ou ordenador.
Aínda que Garmin asegura ter resolto o caso, aínda son bastantes os usuarios que non foron quen de facer que o seu reloxo volvese funcionar, o que probablemente poida solucionarse restaurando de fábrica o dispositivo, aínda que iso pode supor unha molestia importante, xa que require a reconfiguración completa do reloxo e a perda da información que non fora respaldada.
Queda por ver como afectará isto á reputación de Garmin, pois os seus dispositivos teñen un prezo bastante elevado, polo que os consumidores non están a recibir de bo grado non poder utilizalos por unha actualización que non se probou axeitadamente.