Unha aplicación permítenos saber se o noso PC é compatible coa realidade mixta de Windows

venres, 15 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Falta preto dun mes para a chegada ao mercado da realidade mixta de Microsoft, xa que os consumidores poderemos gozar desta tecnoloxía a partires do lanzamento da actualización de outono de Windows 10, que iniciará a súa distribución o vindeiro 17 de outubro, data na que tamén porán á venda os primeiros cascos compatibles coa realidade mixta, e que leva aos interesados en probar esta evolución da realidade virtual a preguntarse se é compatible co seu equipo informático actual, para o que Microsoft vén de publicar a aplicación Windows Mixed Reality PC Check.
A nova ferramenta de software comproba a configuración do noso equipo para dicirnos se ten potencia dabondo para correr a realidade mixta de Windows, pero non queda aí, senón que tamén indica os puntos febles do equipo, o que permítenos comprobar dun xeito doado se chegaría con mercar algún accesorio ou, por exemplo, cambiar a tarxeta gráfica, para superar a barreira que permita introducirnos nesta tecnoloxía sen ter que mercar un ordenador novo.
Temos que lembrar que esta tecnoloxía é moito menos esixente que a dos cascos de realidade virtual actuais, pero ofrecería así dous niveis de experiencia ben diferenciados, de xeito que os ordenadores máis sinxelos tería realidade mixta normal, e os máis potentes poderían gozar dunha realidade mixta ultra, que sería a que realmente ofrecería unha boa experiencia de inmersión.

PUBLICIDADE