Unha app achegaranos á riqueza histórica e vitivinícola de Oímbra a través de realidade aumentada e 3D
xoves, 11 de xaneiro do 2018
O
Concello de Oímbra, a empresa Xoia e a Deputación de Ourense están
a impulsar unha iniciativa innovadora para reivindicar e visualizar o
rico patrimonio do devandito municipio a través de tecnoloxías de
realidade aumentada e 3D. O proxecto, unha proposta que cingue
riqueza histórica local, turismo e viticultura, foi
dado a coñecer onte no consistorio pola alcaldesa Ana Villariño, o
presidente da entidade provincial, Manuel Baltar e os responsábeis
da dita compañía, Xoel Vázquez e Iván Olmos. Segundo fixeron
saber, “trátase dunha iniciativa de vangarda tecnolóxica que
amosa unha nova maneira de achegar aos visitantes os valores de
Oímbra, que conta con importantes elementos arqueolóxicos e cun
sector do viño que ten oito adegas acollidas á Denominación de
Orixe Monterrei", explicou Manuel Baltar na presentación.
En
termos máis concretos, o proxecto permitirá a visitantes e
residentes percorrer e revivir “visual e informativamente” o
devandito concello ourensán, que é, para quen non o saiba, o que
xunta maior concentración de lagares rupestres, amais de acubillar
unha adega do século XVIII cun alto valor arquitectónico.
Segundo
indicou o presidente da Deputación, a iniciativa é un claro exemplo
de como a tecnoloxía pode poñerse ao servizo da historia,
fornecéndoa, e fornecéndonos, dunha “viaxe no tempo inclusiva e
interactiva sen movernos do século XXI, valorizando a riqueza do
noso rural".
A
proposta pon en xogo unha aplicación móbil que é, en boa medida, o
eixe tecnolóxico do proxecto. A través dela, o usuario poderá
facer cousas como reconstruír o pasado local e ver en tempo real a
época de meirande actividade e importancia dos Lagares de Oímbra,
coas súas edificacións, as súas tarefas e as súas escenas
“revividas”. Ao mesmo tempo, achégase aos usuarios completa
información sobre a historia das adegas e as características do seu
viño. En definitiva, a aplicación, amais dunha máquina de tempo,
representa unha fonte de experiencias visuais innovadoras, lúdicas,
didácticas e turísticas, sinalaron os responsábeis da mesma na
presentación.
Ana
Villarino salientou precisamente este factor turístico do proxecto:
“Con esta aplicación pretendemos promover o turismo cara aos
lagares de Oímbra e levar a cabo un labor de promoción económica
das adegas". A alcaldesa de Oímbra agradeceu o apoio da
Deputación de Ourense e subliñou "a importancia de pór en
valor por medio da innovación tecnolóxica a riqueza histórica do
municipio, que conta coa maior concentración de lagares rupestres".
Ademais
da visualización en 3D dos lagares e da adega centenaria, o
visitante poderá ver unha ficha con cada unha das adegas de Oímbra,
na que se explica a súa historia e as características do seu viño,
segundo explicaron os responsábeis de Xoia, que salientaron tamén a
veracidade histórica que acompañada cada escena, a través do
modelado 3D das estancias, xunto a personaxes, mobiliario e
accesorios, ademais de animacións que permiten coñecer como se
desenvolvía unha determinada actividade.
A
ferramenta móbil, que non requirirá de conexión a Internet, só a
súa descarga, estará dispoñíbel en galego e castelán para os
sistemas iOS e Android.