Unha campaña de Blusens opta aos premios Goya de Fotografía deste ano

xoves, 27 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

No 2010 xa acadou o Premio á Excelencia Publicitaria nos MUSA pola obra gráfica La orgía de los sentidos e agora Blusens, a nosa compañía de electrónica de consumo con máis proxección internacional, vén de ser nominada aos premios Goya de Fotografía pola súa campaña gráfica de presentación do equipo Blusens-STX do Mundial de MotoGP.
O premio, que se fallará o vindeiro domingo 30 de xaneiro en Zaragoza, non é novo para Blusens, posto que xa en 2007 se fixera cunha “Esquinera de Prata” pola FEPFI, unha obra da mesma temática.
As imaxes do equipo foron realizadas en Barcelona polos fotógrafos galegos Jacobo e Damián Gayo, do GF Studio, e postproducidas para integralas en diferentes localizacións da zona histórica de Santiago de Compostela, preto da sede de Blusens, en homenaxe tamén ao Ano Xacobeo que acabamos de despedir.
Na sesión de fotos participaron os tres pilotos do equipo, Tito Rabat, Yonny Hernández e Mashel Al-Naimi, e o making off da sesión está dispoñible na Rede para a súa descarga.

PUBLICIDADE