Unha campaña facilitará o rexistro de dominios .gal por só 15 euros

xoves, 21 de abril do 2016 Marcus Fernández

Co gallo da celebración do Día do Libro, a Asociación PuntoGal e a Federación de Librarías de Galicia unen forzas para lanzar a campaña Cultiva a Lectura, que facilitará a adquisición de dominios .gal a un prezo reducido, tal e como presentaron esta mañá no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela representantes de ambas entidades.
A campaña que botará a andar o sábado consiste en que as librarías galegas incluirán un marcador da Asociación PuntoGal coa compra dun libro durante a xornada do sábado e nas feiras dos libros que desenvolveranse nas seguintes semanas, segundo matizou Nani Regueira, coordinadora xeral da Federación de Librarías de Galicia.
Os citados marcadores inclúen un código que pode empregarse na contratación dun novo dominio .gal en calquera dos tres provedores que se adheriron á campaña (Dinahosting, Entorno Digital e Blacknight) para así poder facerse cun dos dominios destinados para a lingua e a cultura galegas a un prezo de só 15 euros, podendo aproveitarse esta promoción até o 31 de xullo.
Esta iniciativa busca combinar a importancia da lectura e o fomento da nosa lingua e cultura na Rede, e para a súa posta en marcha contouse co apoio de Galicia Calidade. Esta é a primeira das promocións sectoriais que emprende a Asociación PuntoGal, á que seguirán outras nos vindeiros meses, coas que pretenden achegar o uso do dominio .gal entre asociacións culturais e profesionais.
Edita de Lorenzo, directora xeral da Asociación PuntoGal, aproveitou a súa intervención desta mañá para anunciar que xa se superou a barreira dos 3.000 dominios rexistrados co sufixo .gal, confiando en que nos vindeiros meses non só se manteñan, senón que medre considerablemente o número de rexistros grazas ás iniciativas de promoción e divulgación que se organizarán, facilitando así que a cultura e sociedade galegas teñan unha presenza máis sólida na Rede.

Nani Regueira (Federación de Librarías de Galicia) e Edita de Lorenzo (Asociación PuntoGal) presentaron hoxe a campaña de reparto de marcadores que facilitarán o rexistro de dominios .gal a 15 euros

PUBLICIDADE