Unha campaña promocional dá visibilidade ao I+D+i galego

luns, 2 de febreiro do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia está a pór en marcha unha ampla campaña de promoción co propósito de dar visibilidade ao talento dos profesionais dedicados á I+G+i, así como á ciencia e á innovación que se desenvolven en Galicia e á competitividade do ecosistema que as sustenta. Trátase dunha liña prioritaria na acción do Goberno autonómico nun ámbito que nos últimos anos vén gañando peso tanto desde o punto de vista orzamentario como en proxección e recoñecemento internacional, consolidándose como sinal de identidade da Galicia Calidade.
A campaña difundirase a través de medios de comunicación en distintos soportes, ademais de redes sociais e accións na rúa. Estará protagonizada por cinco profesionais que sobresaen polo labor que realizan en materia de I+D+i na Comunidade. Proceden de sectores diversos como a biotecnoloxía, o software científico, a farmacoloxía, as tecnoloxías da información e a comunicación, a conectividade, a intelixencia artificial e a ciberseguridade, a electrónica ou a ciencia de polímeros.
Os participantes desenvolven o seu traballo en distintos tipos de entidades que conforman o ecosistema da I+G+i, tanto no ámbito universitario e nos centros de investigación da Rede CIGUS como en centros tecnolóxicos, na investigación empresarial ou no impulso de spin-off de base científica.
Con esta iniciativa, que se realiza por segundo ano consecutivo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP volve reafirmar a súa aposta por un eido clave para o progreso social e a competitividade económica de Galicia. A campaña está aliñada co Plan galego de investigación e innovación 25-27, dotado con máis de 1.300 millóns de euros, que prioriza a captación e retención de talento investigador e a transferencia de coñecemento ao mercado, especialmente en áreas estratéxicas como a biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas (cuánticas e intelixencia artificial) e as enerxías limpas.

Participantes destacados

Un dos protagonistas Luis Pérez, quen participa como representante dos centros tecnolóxicos. É director executivo de Gradiant, con sede en Vigo, especializado en tecnoloxías da información e a comunicación, conectividade, intelixencia artificial e seguridade. Estes centros desempeñan un papel clave na I+G+i polo seu carácter transversal e pola súa relación constante co tecido produtivo. Doutor en Telecomunicación pola Universidade de Vigo, orientou a súa investigación ás marcas de auga, a seguridade e o procesamento multimedia, e incorporouse a Gradiant en 2009 para impulsar unha nova área estratéxica.
Tamén forma parte da campaña o investigador Jaime Martín, que desenvolve a súa actividade científica no CITENI da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. Trátase dun científico captado pola Xunta procedente doutra comunidade autónoma. En 2022 obtivo unha axuda do Consello Europeo de Investigación, das máis prestixiosas no ámbito da I+D+i en Europa, para impulsar o proxecto Paracryst. A súa incorporación a Galicia produciuse a través do programa Oportunius da Consellería de Ciencia. A súa investigación céntrase na estrutura dos polímeros semicondutores, o que permitirá avances na electrónica orgánica orientados ao desenvolvemento de células solares máis estables e eficientes.
Completa o elenco de perfil tecnolóxico Pablo Álvarez, que representa a investigación empresarial. É director do Centro de Investigación Empresarial Mestrelab, de recente creación e apoiado pola Xunta, centrado no software científico. Con 25 anos de experiencia, Álvarez é tamén presidente do hub europeo de innovación dixital EDIH DATAlife, fundador e xeral partner do fondo Bio&Tech Capital e impulsor da Fundación T.END, orientada á erradicación da tuberculose a nivel mundial.

Vídeo da nova campaña promocional do I+D+i galego