Unha compañía italiana prepara a adquisición de Vimeo

mércores, 10 de setembro do 2025 Redacción

Vimeo, unha das plataformas de vídeo máis importante da Internet (aínda que eclipsada claramente por YouTube), anunciou a sinatura dun acordo definitivo para ser adquirida pola italiana Bending Spoons nunha operación en metálico valorada en arredor de 1.380 millóns de dólares. Os accionistas de Vimeo recibirán 7,85 dólares en efectivo por cada acción, o que supón unha prima do 91 % respecto da media ponderada dos últimos sesenta días de cotización a 9 de setembro de 2025.
Segundo Glenn H. Schiffman, presidente do consello de administración de Vimeo, tras unha revisión disciplinada das alternativas estratéxicas, o consello aprobou por unanimidade unha operación que «ofrece un valor certo e atractivo para os accionistas» e que permitirá á compañía «acelerar a súa folla de ruta estratéxica da man de Bending Spoons».
Pola súa banda, o conselleiro delegado de Vimeo, Philip Moyer, destacou que o equipo liderado por Luca Ferrari «está comprometido coa expansión do produto en todas as súas liñas, desde o segmento de autoservizo ata OTT/Vimeo Streaming e Enterprise». Engadiu que a integración abrirá novas oportunidades para «reforzar a misión global de ser a plataforma de vídeo máis innovadora e fiable do mundo para as empresas».
Desde Bending Spoons, o seu director xeral e cofundador, Luca Ferrari, salientou que Vimeo é unha marca pioneira que serve a unha comunidade global de creadores e empresas. «Adquirimos compañías coa intención de operalas de maneira indefinida e vemos un enorme potencial para Vimeo», afirmou. Ferrari asegurou que, unha vez completada a compra, haberá investimentos ambiciosos nos Estados Unidos e noutros mercados prioritarios, así como en todas as áreas do negocio, incluídas as solucións para creadores e para empresas. O obxectivo, dixo, é elevar os niveis de rendemento e fiabilidade, incorporar funcións avanzadas a máis clientes e seguir lanzando prestacións con intelixencia artificial.
A milanesa Bending Spoons é un conglomerado tecnolóxico que está a gañar moito peso na Rede grazas a adquisición das compañías detrás de produtos/servizos como Evernote, Issuu, Meetup, Streamyard ou WeTransfer, entre os que Vimeo parece ter moi bo encaixe.
A operación, aprobada por unanimidade polo consello de administración de Vimeo, está previsto que se peche no cuarto trimestre de 2025, suxeita ás condicións habituais e á autorización dos accionistas e organismos reguladores. Tras a súa culminación, Vimeo pasará a ser unha empresa privada e deixará de cotizar en bolsa.