Unha conferencia no CITIUS abordará o modelo de calidade CMMI

xoves, 17 de xaneiro do 2013 Redacción

José Luis Iparraguirre, experto en mellora de procesos de desenvolvemento de software, visitará o CiTIUS o vindeiro xoves 24 de xaneiro para pronunciar unha conferencia sobre o modelo de calidade CMMI (Capability Maturity Model Integration - Integración de Modelos de Madurez de Capacidades).
Na conferencia, discutiranse as singularidades que caracterizan ós proxectos de investigación e pre competitivos na actualidade, e que os diferencian dos proxectos de desenvolvemento e enxeñaría convencionais. Nesta contorna, o estándar CMMI preséntase como unha oportunidade para tratar con proxectos cada vez máis complexos, debido á integración de equipos humanos multi disciplinares e ás restricións derivadas do uso compartido de sofisticados equipos e materiais. Ademais, tamén axuda no seguimento da validez dos obxectivos definidos, e permite adaptalos en caso necesario ás expectativas cambiantes da súa contorna.
Iparraguirre explicará as orixes do CMMI, nun repaso das persoas e circunstancias que axudaron a definilo, e afondará nas prácticas necesarias para a xestión eficiente dos proxectos e o desenvolvemento de produtos de calidade.
A conferencia centrarase nos niveis intermedios do CMMI: o nivel 2, que aborda a Xestión do Proxecto: e o Nivel 3, destinado a avaliar o rigor na enxeñaría. Non obstante, proporase tamén unha reflexión sobre a adecuación a este tipo de proxectos dos niveis de madurez máis altos (4 e 5).

PUBLICIDADE