Unha de cada tres firmas galegas de máis de 10 persoas empregadas permite o teletraballo
luns, 21 de outubro do 2024
Algo máis dun terzo das empresas galegas, concretamente o 34,1% das firmas da nosa terra de 10 ou máis persoas empregadas, permite o teletraballo, o que sitúa a Galicia no quinto posto entre as Comunidades Autónomas.
Así se fai saber na enquisa sobre O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2023/2024 publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
No estudo tamén se di que Galicia atópase entre as comunidades que máis reunións remotas realiza, cun 57,9%, e que o 98,2% das que teñen 10 ou máis empregados dispoñen de internet contratada (e, destas, o 83,3% teñen velocidade de descarga de máis de 100 Mbps).
Ademais, faise saber que as empresas galegas que empregan Intelixencia Artificial son xa o 10,4%, o que sitúa a Galicia no sétimo lugar entre as Comunidades Autónomas. A maiores, infórmase que as firmas da nosa terra están entre as tres que máis utilizan tecnoloxías de recoñecemento de voz. Tamén ocupan un lugar moi destacado (o cuarto) no uso de tecnoloxías que xeran linguaxe escrita ou falada e o sexto na aprendizaxe automática para a análise de datos.
A incorporación dos especialistas TIC ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores é outro dos indicadores que amosa o grao de dixitalización do tecido empresarial galego: o 12,6% conta con especialistas TIC, o que supuxo un 7,4% máis no último ano.
O gasto en seguridade TIC aumentou un 40% no último ano, dato similar á media estatal, que creceu 37,8%. Este gasto ascende en Galicia ata case 102 millóns de euros.
No informe tamén se indica que o 81,4% das grandes empresas galegas dispoñen de páxina web. A maioría contan con descrición dos seus produtos e servizos (81%), pero tamén destaca o seu uso para publicar ou recibir ofertas e solicitudes de emprego (23,3%) ou facer pedidos e reservas (18,7%).
A maioría das empresas galegas de 10 e máis empregados usan software libre, co 86,3%. Delas, o 95,5% utiliza navegadores de código aberto, o 75,3% usa aplicacións ofimáticas e o 51,5% sistemas operativos.
Microempresas
O estudo tamén sinala que “a porcentaxe de empresas de menos de 10 empregados con computadores acada o 85%” e que “o 81,3% das microempresas teñen conexión a Internet, ao medrar máis dun 16% no último ano”. Destas, o 31,2% empregan redes sociais con fins empresariais. O 35,9% das empresas de menos de 10 traballadores teñen xa páxina web, o que supera en máis de 2 puntos a media estatal, que é do 33,2%.