Unha delegación da Universidade Tecnolóxica de Sidney visitou o Campus de Ferrol
mércores, 15 de maio do 2024
O Campus de Ferrol (Universidade da Coruña) recibiu este martes 14 de maio unha visita de representantes da Universidade Tecnolóxica de Sydney no marco dun programa de colaboración entre universidades españolas e australianas que promove Navantia Australia. A delegación foi recibida no Vicerreitorado polo reitor Ricardo Cao, a vicerreitora do Campus, Ana Ares, e o director do Campus Industrial da UDC, Marcos Míguez.
Na cita tamén participaron o director da Escola Politécnica (EPEF), Vicente Díaz, o director do Centro Mixto UDC-Navantia Pablo Fariña; e o coordinador do Grupo Integrado de Enxeñaría da UDC, Richard Duro..
A delegación australiana estivo encabezada polo vicerreitor e presidente da Universidade Tecnolóxica de Sydney, Andrew Parfitt; o vicerreitor adxunto da área de Internacional e vicepresidente, Iain Watt; o director adxunto da área de Relacións Globais, Innes Ireland; e a decana da Facultade de Enxeñaría e Tecnoloxías da Información, Peta Wyeth.
Viñeron acompañados do responsábel de I+D+i de Navantia, Carlos Blanco, e polo responsábel da oficina tecnolóxica de Navantia Australia, Jenaro Sánchez.
Ao longo da xornada, as e os visitantes tiveron a oportunidade de achegárense ata as instalacións de Navantia Ría de Ferrol onde foron recibidos polo seu director, Eduardo Dobarro. Xa no Campus Industrial de Ferrol, visitaron o Laboratorio de Mecánica de Fluídos e a Canle de Ensaios Hidrodinámicos, situados no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).
Fontes da UDC lembraron que a relación de Navantia Australia e da Universidade Tecnolóxica de Sydney “vén de lonxe”. Recentemente en novembro de 2023, presentaron no marco da Exposición Internacional do Indo-Pacífico un novo proxecto conxunto, o Instituto Marítimo de Tecnoloxías para o Fomento da Investigación e o Desenvolvemento de Tecnoloxías Dixitais para o Sector Marítimo (Marintec), situado no edificio central da universidade australiana.
Desta colaboración entre Navantia Australia e a Universidade Tecnolóxica de Sydney xurdiron acordos de colaboración con universidades españolas, entre elas, a Universidade da Coruña. A titorización conxunta do alumnado de programas de doutoramento e a materialización de proxectos de investigación no eido dos usos da Intelixencia Artificial (IA) na aprendizaxe e no dos sistemas autónomos colaborativos través do Grupo Integrado de Enxeñaría serán as dúas liñas de traballo a desenvolver nos próximos anos desde o Campus Industrial de Ferrol.