Unha ducia de profesionais interviñeron no Digital Network do ICOIIG

luns, 8 de xullo do 2019 Redacción

Este luns 8 de xullo o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG) organizou en Santiago unha nova actividade empresarial da súa Oficina de Transformación Dixital (OTD). Desta volta, o colexio organizou unha xeira de traballo chamada Digital Network 2019, na que diversos integrantes do colectivo tiveron a ocasión de presentar as súas empresas e servizos a outros profesionais do sector.
O evento, que tivo lugar no Hotel Peregrino, posibilitou a intervención dunha ducia de profesionais, presentados polo decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento; o delegado da entidade en Santiago, Fernando Blanco, e Raquel Maquieira, vogal da Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
Os participantes foron José Manuel Castro Pérez, Jaime Iglesias Bartolomeu (SGI 2015), José Julio Ares (Asociación de Produtores e Distribuidores de Enerxía Eléctrica, APYDE), Andrés Gómez Tato (Centro de Supercomputación de Galicia, CESGA), Daniel Prieto Renda (Soltec Enxeñeiros), Iago Martínez Garrido (Edison Galicia), Eliana Pardo Guzmán (Norlean), Rubén Gayoso (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, ITMATI), Pablo Fernández Soneira (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia), Javier Prado Cadavid (Engie), Alberto Mera Vázquez (Neteris Consulting) e Rocío Lourenzo (ANPASA).
Cada un deles tivo tres minutos para a súa presentación. O obxectivo desta iniciativa foi desenvolver sinerxías entre todos os relatores co fin de buscar puntos en común para futuras colaboracións.
124 accións até setembro
A actividade deste 8 de xullo na Coruña enmárcanse nun intenso calendario de 124 accións coas que o ICOIIG chegará ás sete principais cidades galegas até o próximo mes de setembro. Todas elas son de acceso libre e de balde para todas as empresas interesadas.
Esta campaña divulgativa afondará en aspectos como a forma de sacarlle proveito á realidade aumentada, as oportunidades da impresión 3D, as solucións que permite a análise da información a gran escala (Big Data) o desenvolvemento da mercadotecnia dixital, a Intelixencia Artificial, a robótica, a dixitalización dos almacéns coa loxística 4.0, a aplicación da tecnoloxía blockchain aos negocios, as contribucións do uso de drons nas empresas ou a utilidade da ciberseguridade ante os riscos dixitais.
As Oficinas de Transformación Dixital postas en marcha en toda España polo Ministerio de Economía e Empresa, a través da entidade pública Red.es, contan cun orzamento global de cinco millóns de euros. As actuacións a realizar serán financiadas con cargo ao Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) do período de programación 2014-2020 e baixo a lema Unha maneira de facer Europa que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso, a calidade e o acceso ás Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

PUBLICIDADE