Unha empresa ourensá comercializará o seu propio localizador GPS para vehículos

venres, 27 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Dende a Tecnópole de Ourense chegará ao mercado nun par de semanas un interesante produto para mellorar a seguridade dos nosos vehículos da man da empresa especializada en enxeñería electrónica, automática e mantemento industrial, Hicom & Tech, que é o primeiro produto comercial que achegan coa súa marca, o localizador Hicom Mov Tracker GPS.
Este dispositivo de localización GPS integra tamén tecnoloxía GSM e GPRS, de xeito que tras instalarse no noso vehículo podemos coñecer en cada momento a súa localización ou incluso programar o disparo de alertas en caso de, por exemplo, traspasar un límite establecido, comunicándose o trebello mediante tecnoloxía móbil.

Antonio Quintas, xerente de Hicom & Tech, amosando o primeiro produto comercial da súa empresa

Pero este tipo de solucións son moi frecuentes no mercado, e dende Hicom quixeron innovar, polo que dotaron ao seu dispositivo da función Himove, que xera alarmas en caso de impactos ou vibracións, de xeito que pode saberse cando unha moto sufre unha caída durante o seu traxecto (avisando a algún contacto predefinido), cando un coche recibe un golpe accidental, cando intentar roubar o noso vehículo... o que conséguese grazas á integración dun sensor de campo magnético para controlar a posición relativa dos eixes en todo momento e un microcontrolador que xestiona os posibles sensores externos (pode complementarse esta solución con sensores de proximidade, ultrasóns ou infravermellos).
O localizador GPS desta empresa de San Cibrao das Viñas pode funcionar incluso co vehículo apagado, posto que integra unha batería recargable cunha autonomía de 48 horas, é doado de instalar e configurar e chegará ao mercado a un prezo de 99 euros no seu modelo básico, pois cómpre destacar que pode completarse cunha serie de sensores segundo as nosas necesidades (por exemplo, podería dotárselle de seguridade adicional para, por exemplo, detectar un posible roubo de combustible en maquinaria pesada).
Os interesados en saber máis desta solución tecnolóxica poden escoitar unha entrevista a Antonio Quintas, xerente de Hicom & Tech, este sábado no programa Banda Ancha da Radio Galega.

PUBLICIDADE