Unha enquisa proclama a Super Mario Bros coma o mellor videoxogo do mundo

mércores, 30 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Super Mario Bros acadou sona tanto nas recreativas como en consolas de videoxogos domésticas

As publicacións dedicadas á crítica de videoxogos veñen tempo sostendo que o mellor xogo da historia é The Legend of Zelda: The Ocarina of Time, que saíra para Nintendo 64, plataforma que segundo a revista EDGE tería a 3 dos 10 mellores videoxogos publicados, o que non comparten moitos usuarios, que pensan que as plataformas de xogo de Nintendo están sobrevaloradas por algunhas publicación e para demostrar a discrepancia dende Onepoll fixeron unha enquisa entre máis de 2.000 xogadores para constatar que o seu xogo preferido non é outro que o clásico Super Mario Bros, seguido de Pac-Man e Tetris, o que confirmaría que o público ten en boa estima os clásicos que fixeron historia.
Na 4ª posición da listaxe elaborada teriamos a Los Sims (que poderiamos colocar na primeira posición se falásemos de xogos para PC), seguido de Sonic the Hedghog (recoñecendo que SEGA tamén é unha marca a ter en conta), Space Invaders (un clásico das recreativas), GTA San Andreas, Donkey Kong (que trunfou tanto en recreativas coma en handhelds), Mario Kart 64 (xogo que está a ser moi imitado na actualidade) e GTA Vice City.
A aparición de 2 títulos da saga Grand Theft Auto nos 10 mellores xogos resulta curiosa, principalmente porque en ningunha das ocasións se trata da última entrega (que é tecnicamente moi superior ás demais) polo que se podería asegurar que os xogos votados polo público responden máis á experiencia de xogos acadada no seu momento que a unha cualificación baseada nas prestacións de cada título.
A listaxe elaborada se completa cos xogos Tomb Raider, Wii Sports, Final Fantasy, Gran Turismo, Lemmings, Frogger, Pokémon, Street Fighter II, Wii Play e Guitar Hero, polo que os gustos parece repartidos entre moitos xéneros, sen un claro dominante.

PUBLICIDADE