Unha exposición na Coruña instruiranos contra os calotes dixitais

martes, 30 de setembro do 2025 Redacción

A Sede Afundación da Coruña acollerá a partir do 6 de outubro a exposición Ítaca, unha proposta inmersiva que combina mitoloxía grega, intelixencia artificial e educación financeira. A mostra poderá visitarse ata o 10 de xaneiro de 2026 na Sala -1 do edificio situado no Cantón Grande.
Inspirada na odisea de Ulises, Ítaca propón un percorrido simbólico polos retos económicos da vida cotiá. A través de personaxes virtuais, efectos visuais e dinámicas interactivas, os visitantes poderán explorar cuestións como a influencia das emocións nas decisións financeiras, os riscos do consumo impulsivo, a ciberseguridade ou a xestión intelixente dos aforros.
A inauguración oficial terá lugar o 6 de outubro ás 19:00, cunha visita guiada especial á que se poderá acceder mediante a entrega dun alimento non perecedoiro, dentro do programa Cultura por alimentos, en colaboración cos bancos de alimentos locais.
A exposición está dirixida a todos os públicos e conta con audioguías e actividades didácticas adaptadas para escolares, desde infantil ata bacharelato. A entrada é de balde e o horario de visita será de luns a venres de 17:30 a 20:30, e os sábados tamén en horario de mañá, de 12:00 a 14:00.
Ítaca é unha iniciativa de Afundación en colaboración con Funcas, que busca transformar a relación da cidadanía cos cartos a través dunha experiencia práctica, divertida e útil. Unha oportunidade para repensar o xeito en que tomamos decisións económicas e para aprender a navegar con máis seguridade no mundo financeiro.