Unha ferramenta facilita a análise do investimento publicitario da Xunta

luns, 27 de abril do 2026 Marcus Fernández

O analista Marcelino Madrigal, desenvolveu unha aplicación que facilita a análise dos datos publicados nos portais de transparencia das Administracións públicas, o que lle permitiu unha análise, por exemplo, do investimento que realizan en publicidade os distintos departamentos públicos e a través de que empresas se canalizan, dun xeito aséptico.
Madrigal non busca criminalizar nin denunciar malas prácticas, só achega unha ferramenta que facilita o exercicio de transparencia do gasto público, e nas últimas horas sorprendeu sometendo a tal escrutinio o gasto en publicidade e márketing da Xunta de Galicia entre os anos 2014 e 2026.
A información, achegada da Plataforma de Contratación Pública de Galicia, pode consultarse a través da aplicación web creada por Madrigal, facilitando a análise dos 940 expedientes que superan os 372 millóns de euros que figuran etiquetados como contratos públicos de publicidade ou promoción.
Podemos ver así como a meirande parte destes investimentos correspóndense coa Axencia de Turismo de Galicia, así como tamén reflicte un incremento das contías a partir da pandemia e a grande estacionalidade das campañas ou o impacto que teñen as celebracións do Xacobeo.
Saliéntase que entre as campañas máis caras figuran acción de economía, promoción de competencias, campañas turísticas, recursos naturais e gastronómicos e protección da saúde e información. E como tendencia relevante chama a atención o patrocinio musical de festivais.
Resulta interesante ver como no tempo analizado se produciu unha evolución do investimento publicitario, que pasou de estar centrado en medios tradicionais a traducirse en patrocinios de experiencias (como os citados festivais musicais), o que podemos entender como unha consecuencia dos cambios sociais provocados pola pandemia da COVID-19.