Unha funda permite ampliar a batería e o almacenamento interno do Galaxy S6

martes, 21 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Para os usuarios dun Samsung Galaxy S6 ou S6 Edge que non lle resulte dabondo a batería do seu smartphone ou a súa capacidade de almacenamento interna Incipio está a comercializar unha interesante funda, a offGRID Battery Case, que promete dobrar a autonomía do móbil ao integrar unha batería de 3.700 mAh, o que resulta notable se temos en conta que só ten un grosor de 9 milímetros (de xeito que non engordaría en exceso o terminal durante o seu uso) e que destacaría por incluír espazo para unha tarxeta microSD de até 128 GB de capacidade, podendo así gardar fotografías, vídeos e música nesta tarxeta externa que grazas á aplicación Incipio File Browser podería empregarse para sincronizar tal información cun almacenamento na nube.
Esta curiosa funda ten un interruptor nun lateral para poder alternar entre o modo de almacenamento e o modo de carga, xa que para ambas finalidades emprega o mesmo porto do dispositivo móbil. Amais, esta funda con batería é compatible coa tecnoloxía de carga rápida de Qualcomm, o que agradecerán os seus usuarios, xa que a recarga de baterías de tan elevada capacidade pode resultar moi pesada. Cómpre destacar que a funda está preparada para non interferir nas comunicacións NFC, ou sexa, que podemos seguir empregando as súas funcionalidades pese ao grosor engadido ao móbil.
O prezo desta funda-batería é de 89,99 dólares (82,89 euros) e está dispoñible en cor negra.

PUBLICIDADE