Unha gralla adía 2 meses a chegada do OnePlus Watch 3

martes, 25 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

O OnePlus Watch 3 presentouse como un dos reloxos con WearOS máis interesantes do mercado, por combinar as prestacións avanzadas do sistema operativo de Google (que, por exemplo, permite correr WhatsApp directamente no reloxo) cunha autonomía de até 5 días con todas as funcións activas (ou até 16 días en modo aforro de enerxía). Pero aínda que o seu lanzamento europeo estaba fixado no 18 de febreiro, se agora tentamos mercar o OnePlus Watch 3 atopamos que como data de entrega se estima o 23 de abril, adiamento que sorprende pola súa causa: unha gralla.
O primeiro lote de OnePlus Watch 3 que comezou a distribuírse este mesmo mes incluía «un erro tipográfico menor identificado debaixo da esfera do reloxo». Concretamente no reloxo podía lerse «Meda in China», o que consideraron motivo dabondo para retirar as unidades do mercado e informar aos consumidores que recibiran unha da unidades que poden devolver o reloxo sen dar ningunha explicación (algo que entendemos que poucos farán, xa que o incidente non afecta ao funcionamento do dispositivo e nin sequera é visible co reloxo posto).