Unha importante filtración afecta ao futuro Grand Theft Auto VI

luns, 19 de setembro do 2022 Marcus Fernández

A pasada fin de semana un terremoto azoutou figuradamente a Rockstar Games, xa que deuse a coñecer na Rede unha filtración masiva que afectaría á vindeira edición da serie Grand Theft Auto, levando a que a compañía tivese que confirmar o acontecido nun comunicado dirixido aos mercados financeiros e outro destinado ao público xeral no que inciden no seu compromiso en continuar a traballar na vindeira entrega de GTA para poder ofrecer un título que estea á altura do que se espera.
Lembremos que Grand Theft Auto V é un xogo que conta con versións para 3 xeracións de consolas consecutivas, polo que a expectación por Grand Theft Auto VI é elevadísima, e ao filtrarse unha manchea de vídeos amosando un prototipo do xogo captouse moita atención, aínda que estes contidos foron rapidamente borrados da Internet por mor das reclamacións legais efectuadas por Rockstar.
Pero o feito de ver un xogo claramente sen rematar non é o problema, senón o feito de que houbese unha filtración na que aseguran que puido terse subtraído o código fonte de Grand Theft Auto V e Grand Theft Auto VI, o que terá serias consecuencias no desenvolvemento de GTA VI, xa que teñen que investigar a fenda na súa seguridade, adoptar serias medidas para corrixir a situación e incluso realizar importantes cambios para evitar que o código filtrado poida ter malos usos no xogo final, ou sexa, que é bastante probable que tarden aínda máis en rematar un dos xogos máis importantes que están a desenvolverse actualmente, para desgraza do sector e dos xogadores.

PUBLICIDADE