Unha iniciativa quere protexer as redes sociais dos milmillonarios

luns, 13 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Existe unha grande preocupación ante o feito de que Mark Zuckerberg estea a adoptar as mesmas posturas que Elon Musk no que se refire á moderación en redes sociais, no que podería desembocar nunhas comunidades en liña tóxicas e con claros nesgos políticos. Tal situación propiciou o lanzamento da iniciativa Free Our Feeds, que ten como obxectivo liberar as redes sociais do control de milmillonarios, polo que instan a promover Bluesky e a tecnoloxía na que se sustenta (o protocolo AT) para formar un ecosistema de aplicacións e compañías que antepoñan as persoas aos intereses económicos e políticos.
Para conseguir tal obxectivo promoverán distintas campañas de recadación de fondos para os vindeiros anos, comezando cunha que busca xuntar 4 millóns de dólares, dos que apenas conseguiron superar os 11 mil, polo que o obxectivo de conseguir 30 millóns de dólares en 3 anos semella complicado.
Cómpre salientar que esta iniciativa é independente, ou sexa, que non busca financiar unha empresa, senón lanzar unha fundación de interese público para conseguir que os alicerces de Bluesky poidan blindarse ante as inxerencias dos milmillonarios, baseando este traballo nunha infraestrutura independente e protocolos abertos que apostan por unhas redes sociais afastadas da toxicidade.